sábado, 6 de xullo de 2013

Toponimia do Concello do VALADOURO


Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello do Valadouro. 

Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que amosa unha pequena vista á nosa historia e aos que pasaron por estas terras e lles deron nome. 

Non é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente. 
É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo.
_________________________________________

ABELLEIRA, A 
(O CadramónVilacampa, Frexulfe)
O termo "abelleira"  refire a "colmea" ou "enxame". Polo xeral, estes lugares de colmeas acostumaban estar cercados, para protexer as colmeas dos animais, e un tanto lonxe da poboación.
Alternativamente, pode ter unha orixe totalmente distinta, derivada da raíz hidronímica indoeuropea *ab–.
Aínda que o apelativo "abelleira" teña tamén a acepción de "herba abelleira" (Melissa oficinalis
), é improbable que sexa esta a orixe, pois sería estraño un topónimo referido ao nome singular dunha planta sen uso especialmente relevante.

ABESURA (Frexulfe)
Grafía alternativa por "A Vesura", topónimo moi abundante en Galiza, aínda que con significado incerto.
Posiblemente  derivado de "vesar", "arar profundamente, virando a terra, de modo que a tona e o terrón vaian para o fondo do rego" (cf. RAG).
Alternativamente de "avesura", relativo a lugar vesío.

AGRUÑEIROS (O Cadramón)
Posiblemente de "abruñeiro", o mesmo que "abruño". 
Así, hai un "Agruñido" en Galdo, e outros múltiples topónimos en Galiza, tanto Abruñedo, Agruñedo, Abruñido.

ALBARDO, O (O Cadramón)
Posiblemente derivado de Aroaldus, nome de orixe xermánica. Así está documentado no caso de Albarde en Atán (Pantón).

ALBARES (Santa Cruz do Valadouro)
Probablemente este topónimo "Albares" derive de "(terras) albares", terras tirando a brancas, talvez pola arxila. En efecto, o termo "albar" é adxectivo derivado de "albo" ‘tirando a branco’, do latín album.  De feito, o dicionario da RAG indica para "albar": 
"Refiriéndose a la tierra, es la ligera y de mala calidad, en contraposición a la negra y pesada, que es la mejor". Cf. DdD
No entanto, esta interpretación é preciso tomala con reservas, pois o o adxectivo "albar" é aplicado non só a terras, senón a vexetais, co cal podería indicar "lugar poboado dun vexetal albar". O dicionario de Eladio Rodriguez indica que 
"se aplica a lo que tiene el color más blanco o claro que lo que es ordinario o general, como coello albar, carballo albar, centeo albar, piñeiro albar, toxo albar". 
Así, atopamos  topónimos como "A Cerdeira Albar" (Trabada),  "A Pereira Albar" (Paradas de Sil) ou "O Carballo Albar" (Porto do Son). Cf. DdD. En efecto, non se pode desbotar a posibilidade de se tratar dun fitotopónimo, mais tampouco afirmala. De feito, este topónimo foi extensamente analizado por Navaza, quen tampouco se decanta por ningunha das alternativas (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia_galega").

Alternativamente, para Rivas Quintas (1982: 25) forma parte dos 
procedentes do indoeuropeo *alb- ‘altura’ (cf. E. Rivas, "Toponimia de Marín". 1982). Porén, esta interpretación non encaixa en moitos "Abares", así o Albares de la Ribera (León) fica na ribeira dun río. 
Por outro lado, no Glossarium de Du Cange recolle a forma medieval albare  ‘estacada, cerca, foso, canle’. Esta acepción podería estar relacionada coa indicada por E. Rivas, e trataríase dunha relación semántica sinxela de algo semellante a "altura" para algo do estilo de "desnivel, terraplén".

En resumo, hai dúas interpretacións máis ou menos plausibeis, porén, cremos que a máis sinxela, a de "terras albares", terras claras, de baixa calidade, debe ser a máis segura, sendo "albar" e "albeiro" aplicados en múltiples ocorrencias neste sentido de "tirando a branco", desde vexetais ata pedras de muíño.

ALTO DO FORCÓN (Frexulfe)
O dicionario define "forcón" como "pau rematado en dúas gallas pequenas que serve de soporte ou apoio a algo". A súa aplicación na toponimia, deste e doutros derivados de "forca", é relativamente frecuente, referindo xeralmente a unha bifurcación de río ou regato.
Noutros casos podería referir a bifurcación dun camiño, ou de montañas; neste último caso, sería no sentido de "desfiladeiro". A acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.

ALVARIÑA, A (San Xiao de Recaré)
O termo "alvariño" ou "albariño" é un derivado do adxectivo latino albus 'albo, branco'. Dado que se pode aplicar en múltiples contextos, é difícil de establecer neste caso a motivación que deu lugar ao topónimo, aínda que podería vir de "(terra) albariña", definida no dicionario como "terra lixeira e de mala calidade" (cf. DdD). Gonzalo Navaza interprétao similarmente, como diminutivo de "albar", "de cor tirando a branca", por exemplo de "uva albariña", ou "terra albariña" ("terra esbranquizada").  
Alternativamente, de "arboriña" e incluso tamén, nalgúns casos, como antropónimo. Cf. aquí.
 
ALVAROXIL, O (San Xiao de Recaré)
Topónimo transparente que remite a un Álvaro Xil, que debeu ser un antigo posesor ou fundador deste núcleo de poboación.

ALVITE (San Tomé de Recaré)
De *(uilla) Alviti, forma en xenitivo de Alvitus, nome do posesor medieval da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agríola). A orixe deste nome é controversa. Piel e outros asignáronlle orixe xermánica (cf.  p. 129 de J. M. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II), mentres que Kremer ou Meyer-Lübke póñenno en dúbida.
Foi un nome moi común na Idade Media, en particular no século IX (cf. p. 83 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

AMALLÓ, O (A Laxe)
Seguindo a Martínez Lema, tería o significado de "viña, bacelar". Do latín malleolus, "pequeno martelo", "chanta de vidra cortada en forma de martelo". Cf. P. Martínez. "A toponimia das comarcas de Bergantiños, Fisterra, Soneira e Xallas na documentación do tombo de Toxos Outos (séculos XII-XIV").

AMARELA, A (Budián)
Tanto este topónimo como o COTO MARELO, tamén na mesma freguesía, deben remitir ao sobrenome dun antigo posesor  deste lugar.  O alcume Amarelo xa está atestado no séc. XII 
".. Gutier, cognomento Amarelo .." 1170 (CODOLGA). 
Se for este o caso, trataríase dunha construción adxectival-posesiva "terra do Amarelo" > "Amarela", frecuente na microtonimia.
Tamén pode aludir á caracterización do terreo, no sentido de "(terra) amarela".
Alternativamente, pode derivar, tal como indicaba E. Bascuas, do hidrónimo prerromano paleoeuropeo *am-, cun significado relativo a "suco, canle, cavar" (cf. p. 212 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). Estaría, por tanto, relacionado cos topónimos Amosa (varios), A Amoá (Cabanas) e As Amoás (Sumoas).

AMEIXÓN (O Cadramón)
O nome "ameixón" podería estar relacionado co verbo "ameixoar" ("xuntar as ovellas, as galiñas, etc). O feito de se referir neste caso a un outeiro, parece confirmar esta hipótese.
En efecto, dada a situación en zonas de montaña deste e doutros "Ameixón",  podemos interpretalo coa acepción que indica M. do Carme Ríos en que teña máis ben relación co portugués ameijoar 'reunir o gado'. Igualmente, ameixoar mantén en galego o sentido de "reunir, xuntar" (cf. DdD). En portugués existe a
ameijoada 'pastagem onde o gado passa a noite' (cf. Priberam).
Aínda que menos probábel, tampouco podemos rexeitar a hipótese de, se houber regatos na zona, interpretalo na acepción dada polo dicionario de Luís Aguirre del Río "El acto de dejar en el rio una nasa para pescar" (cf. DdD). 
Por outro lado, a acepción de ameixón como "alevín da anguía" parece que non encaixaría.

ANDAMIL (O Cadramón)
De *(uilla) Andamiri, forma en xenitivo de Andamirus, nome do posesor  medieval da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agríola). É un nome de orixe xermánica.

ANIDO (Frexulfe)
O topónimo "Anido" ten unha orixe  na hidronimia prerromana, formado en base a un tema *an(n)-. Este tema  foi estudado por Bascuas (cf. pp. 429-431 de E. Bascuas, "Mondoñedo y Valoría". Estudios Mindonienses 17), que o vincula co radical céltico *an- ‘poza, pantano, lama’, do que deriva o galo anam ‘charco, poza’ ou o topónimo Guadiana (< wadi Ana).

Dada a terminación no sufixo "-ido", abundancial, podería indicar un lugar onde abundan as "pozas", e de feito é o nome dun lugar polo que pasa cerca un rego, habendo tamén unha Veiga de Anido e un  Pozo de Anido,  este ao pé dun topónimo Insua.

Este tema *an(n)- é frecuente na toponimia galega, así Ares (< *an-aris), Ar (< *an-are). É importante notar tamén a existencia do topónimo "Aneiros", que parece confirmar a "anido" como abundancial de "aneiro".  Este abundancial non cremos que sexa de planta, pois -ido non sempre indica abundancial de planta, e.g. "pedrido". 

Cabeza Quiles propón  unha orixe en "ameneiro" > *amneiro> aneiro (do mesmo modo que somnu> sono (cf aquí), non o cremos probable, dada a existencia de topónimos como "Anero" en Cantabria, onde correspondería un **Añero.

Finalmente, cremos que outros topónimos tales como "Anilleiro", "Anilleira" poden ter  tamén a mesma orixe temática.
"Anido" é un topónimo frecuente en toda a Mariña (Mañón, As Negradas, Cangas, Frexulfe). Entre os compostos da mesma orixe podemos reseñar "Sobranido" ("Sobre Anido") en Burela.

ANILLEIRO (O Cadramón)
O topónimo "Anilleiro" non ten que ver co termo castelán  "anilla", senón que comparte orixe con "Anido" e "aneiro" na raíz pre-latina *ann-. Bascuas  liga ese tema *ann- co radical céltico  *an- 'poza, pántano, lama', como o galo anam "poza" ou o topónimo "Guadiana".
Ver "Anido" e "Aneiro" para máis detalles.
O Nomenclator rexistraoutro "Anilleiro" en Muras, e "Anilleira" no Valadouro.

ARNELA, A (Budián) 
Autores como E. Bascuas relaciónano coa forma prerromana *arn-, pertencente á hidronímica antigoeuropea, e derivada da raíz indoeuropea *er- 'fluír, moverse'. Tería un significado de  "corrente de auga", e despois "casca dos castiñeiros e carballos" ou  "casca de árbore usada de canaleta para conducir a auga". Da mesma forma derivarían outros topónimos como  "Arnoia" (cf. E. Bascuas, 2002. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega", in Verba 51).

Por outro lado, os dicionarios recollen para "arnela" a acepción de "praia en costa aberta, que se mete entre dous montes, e na que xeralmente desauga un río ou regato" (cf. DdD).
Algúns autores derivan "arnela" do latín *arenella, o cal encaixa co significado de praia citado, ainda que non coas outras acepcións.

AUGARRÍO (A Laxe)
Trátase dun topónimo que semella máis transparente do que é. Sen dúbida relativo ás augas, mais posiblemente non se trata dun composto "auga-río", senón derivado de "augar".

O Nomenclator rexistra tres poboacións Augarrio, nos concellos de Vilalba (Lu), O Valadouro (Lu) e Oleiros (ACo), así como o PTG varias terras Augarrío(s) e Augarría(s).

Este  topónimo concreto da Laxe figura atestado nun documento en castelán de 1486 como "Agoarrio": 
".. otras plaças (repetido) que son en la filigesia de Sant Juan de Alaje et que dizen de Castillon et Agoarrio con sus heredades brauas et mansas .." (cf. E. Cal. "Colección Diplomática Medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

Talvez teña significado análogo á voz homónima aguarrías 'orballo' rexistrada en Cantabria (cf. A. Gil Olcina et al. 2009. "Clima e hipótesis de cambio climático en la región geográfica del sureste ibérico").

Por outro lado, atopamos o topónimo Talagra, situado ao pé de Augarrío (Oleiros). Talagra é case seguro que veña dun Trala-Agra "detrás da agra", co que cabería a hipótese para Augarrío de se tratar dunha "Agra (do) Río", que evolucionaría para Agarrío por disimilación de vibrante. O paso final de Agarrío para Augarrío é facilmente explicable por reinterpretación/reetimoloxización. Porén, non todos os casos de Augarrío/a(s) corresponden a zonas chás propicias para agras.


AVIEIRA (O Cadramón)
Lugar onde abunda a avea, ou propicio para o seu cultivo.

AZOREIRA, A (Vilacampa)
Lugar onde abundan ou abondaban os azores, talvez con significado metafórico para indicar o seu lugar no alto.
Eladio Rodríguez tamén recolle a acepción de "lugar onde hai azores amansados". Cf. DdD.

BAER 
(Frexulfe)
De *(uilla) Valeriiforma en xenitivo de Valerius, nome do posesor medieval  da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agríola). É un nome de orixe latina. 
Alternativamente, de *(uilla) Baderii, dun posesor chamado Baderius, nome de orixe latina.
O máis probable é o primeiro caso, dado que o nome Valerius si está rexistrado en Galiza noutros casos similares, así como na actualidade en territorios cercanos onde non se perdeu o "-l-", tal como en Asturias. De feito, autores como Nicandro Ares, asígnanlle a outros topónimos "Baer" a orixe Valerii, sen se plantexar a segunda alternativa, dada a presenza de múltiples Valeri/Valer e similares. Cf. Nicandro Ares, "Estudos de toponimia galega". Vol I. 2011.  

BALSA, A (O Cadramón)
O topónimo "balsa" é de orixe prerromana, e indica unha charqueira, un estanque, e tamén un lugar onde medra a vexetación.
O profesor F. Villar derívaa da raíz *bhel- 'branco, brillar', con extensión -s- (cf. p. 299  de "Indoeuropeos y no indoeuropeos en la Hispania prerromana").
Alternativamente, cremos que podería ter a orixe na raíz indoeuropea *uel- 'virar', que E. Bascuas apunta para "Baleira" (cf. p.315, Edelmiro Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 
Finalmente, A. Tovar asígnalle unha orixe pre-indoeuropea, por ter correspondencia co vasco.

BANDEXA (Santa Cruz do Valadouro)
O topónimo "Bandexa", aínda que semelle un significado transparente, moi probablemente se trate dun hidrónimo de orixe prerromana indoeuropea. 
En efecto, E. Bascuas e outros autores  (V. Cocco, J. M. Blázquez) derivan topónimos como "Banduge" ("Bandugium" en 1115, en Mesão Frio), semella que "Bandexa" derive da base hidronímica indoeuropea *band- 'gotear' (IEW 95). Cf. p. 51 de E. Bascuas "Aquis Ocerensis .." in ""Paleohispánica", núm 7, 2007 (aquí).
Tamén Boullón Agrelo deriva o topónimo Bandoxa (Oza dos Ríos) desa base hidronínima *band-, de onde derivaría tamén a divindade acuática prerromana Bandoga (cf. p. 150  de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
Este lugar en concreto está situado na esquina entre o rego da Guinda e a súa desembocadura no Rego de Ferreira, co cal a hipótese hidronímica encaixa.  Este topónimo está presente tamén como hidrónimo en Cervo e en Viveiro, o cal reforza igualmente a hipótese indicada.

BARBEITA (Moucide)
Topónimo que remite a unha "terra barbeita". O dicionario define "barbeito" como "terra de labor que se deixa descansar unha tempada sen sementar", ou tamén "terra de secaño".

BARCIAS, AS (Frexulfe)
Unha barcia é un terreo chan e cultivado, un campo chan (cf. DdD), moitas veces ao pé dun río.  Orixinariamente significaba algo como "terreo de cultivo proximo a río" (cf. aquí.), e despois significou "próxima a río e que se inunda". Descoñecemos estes casos concretos.

Canto á súa orixe, a serie Barcia/Varcia/Barxa foi detalladamente analizada por Bascuas. En efecto, Bascuas pón de manifesto o "absoluto predominio" da documentación antiga como varcena e despois varcia, en canto que a representación con "b" foi excepcional. Por isto e outras razóns, deriva "Barcia" e "Barxa" dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz extendida no celta. Cf. pp. 154-155 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

BARDOLEIRAS (Santa Cruz do Valadouro)
Posiblemente, de "bardaleiras", por disimilación vocálica.
Eladio Rodríguez  (1958-1961. "Diccionario enciclopédico gallego-castellano") recolle a voz "bardaleira" como "sebe", moitas veces feita de silva ou espiño. 
Virá de "barda", voz prerromana (cf. bardanca), tamén recollida nos dicionarios cun sentido primario de sebe, valado.

BARGANZO, O (Frexulfe)
De orixe prerromana. Talvez relacionado co apelativo "barga". Hai quen o califica como grafía alternativa por "berganzo", do céltico *brigantiom, orónimo indicando lugar elevado. Cf. aquí.

BARGOS (Budián)
Un "vargo" ou "bargo" é unha laxe ou lousa delgada, por veces usada para separar fincas. Neste caso reflexaría posiblemente unha finca chousada con bargos.
A orixe de "vargo" é prerromana, celta, o mesmo que en castelán 
várgano 'Cada uno de los palos o estacas dispuestos para construir una empalizada'
No medieval "Liber Testamentorum" da Catedral de Oviedo menciónase "facere sepes et varganos", onde tamén semella indicar unha clase de valado ou palizada.

BATÁN, O (A Laxe)
O termo "(muíño do) batán" deriva do latín battere 'bater, golpear'. 
Os antigos batáns de auga eran dispositivos destinados á operación de abatanar ou bater os panos ou teas de lá ou liño fabricadas nos teares caseiros. O batido era feito por dous mazos hidráulicos. O tecido era batido para desengraxalo e darlle corpo; ficaban ao pé dos ríos e ao funcionar facían gran ruído.

BERMÚN (Santa Cruz do Valadouro)
Topónimo que remite ao nome, en forma xenitiva, do posesor  medieval da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola) que habería nese lugar. O nome concreto puido ser *(uilla) Veremundi ou (uilla) Veremudi forma en xenitivo de Veremundus ou Veremudus respectivamente, ambos nomes de orixe xermánica, nomes "de moda" en Galiza na Alta Idade Media.

BERDISCA (O Cadramón)
Probablemente remita a unha "terra verdisca", terra de cor que tira a verde.

BISPOS, OS (Santa Cruz do Valadouro)
O  termo "Bispo", do latín episcopus, pode deberse ao uso deste como alcume ou sobrenome familiar (máxime neste caso sendo plural).  Alternativamente, talvez indicase unha antiga pertenza á xurisdición episcopal. 
É tamén preciso ter en conta que o termo "Bispo" como elemento onomástico persoal, ou alcume, é frecuente na documentación altomedieval (cf. Boullón Agrelo, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

BOUZAS DE PENA AMIGO, AS (O Cadramón)
Neste caso, en "Pena Amigo", o elemento "Amigo" remite ao apelido do posesor, "Amigo" ou incluso talvez ao nome do posesor, derivado do cognome latino Amicus (cf. Kajanto, 1982). 

BREA (San Xiao de Recaré)
Brea pode ter varias orixes e significados. O máis probable é que derive de"vrea" ("verea", "vereda").

BUDIÁN (Budián)
Posiblemente de *(uilla) Butilani, forma en xenitivo de Butila, nome do posesor  medieval da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agríola). É un nome de orixe xermánica.
Está documentado un Butilani no ano 897, probablemente correspondente co actual Budián, no concello de Pantón (cf. Lucensia núm 5).
Para o Budián que nos ocupa, figura atestado en 1124 como "sancta Eolalia de Budulani" : 
"In terra de Aurio ... sanctus Iacobus de Adelani .. sancta Maria de Baconi sancta Eolalia de Budulani et duas hermidas ..". Cf. CDMACM E. Cal. "Colección Diplomática Medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo ".

BUDIÁN DE REDEIRO (Budián)
Budián de Redeiro é un núcleo de poboación situado na parte de atrás de Budián
Penso que "redeiro" debe interpretarse como derivado de retrārĭu ‘traseiro, de detrás’, forma creada a partir de  retrō ‘atrás’.
Existen outros topónimos nesta liña como Covarradeiras (Ferrol), Vilarredeira (Trazo) ou Santerredeiro (Trabada), para o cal Xulia Marqués dá a mesma interpretación (cf. X. Marqués, 2018. "Toponimia de Trabada").

BURGO, O (Vilacampa)
Do xermánico burg ''fortaleza, castro', do cal pasou para o latín. 
Na Idade Media nomeaba un núcleo formado arredor dun castelo ou dunha cidade amurallada, para designar, posteriormente, unha aldea ou vila pequena, dependente doutra maior ou máis importante, que ficaba próxima (cf. "Gran Diccionario Xerais da Lingua". 2000). 

BURGUEIROS, OS (Vilacampa)
Os dicionarios indican dúas acepcións que poderían encaixar para o este nome de núcleo de poboaciónquer a de 'burga, manancial de auga quente', ou tamén a de 'moradores dun burgo ou vila'. O máis probable é que teña orixe prerromana en relación con "burga" (manancial), que segundo Bascuas derivarían da raíz indoeuropea bhr- ‘ferver, abrollar’.
Por outro lado, podería ser simplemente un xentilicio, remitindo a oriúndos do lugar do Burgo, desta mesma parroquia.

CABALEIROS, OS (Vilacampa)
Topónimo que remite ao apelido ou oficio do antigo posesor destas terras. A forma en plural do apelido é, en efecto, común na toponimia galega.
O apelido Cabaleiro ten presenza aínda na actualidade en Barreiros e en xeral na Mariña, co cal semella plausíbel que o topónimo remita ao apelido.
Máis improbábel, podería remitir directamente a lugar pertencente aos Templarios, ainda que descoñecemos a historia destes lugares.

CABRAS FIGAS, AS (A Laxe)
Unha "cabrafiga",  do latín caprificus, designaba a "figueira brava".
Eran usadas para polinizar as figueiras comúns. Cf. aquí.

CACHÓN (Santa Cruz do Valadouro)
Un cachón é sinónimo de fervenza, augas que caen en cascada.

CACHÓN DO BOIVAL (O Cadramón)
Ver "Penas do Boival".

CADABAL (Santa Cruz do Valadouro)
Un "cadaval" designa un lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. DdD.

LAMA VELLA (Budián)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada para Budián (1753) ao referir os muíñosda freguesía:
 ..."al sitio de lama bella"..
Este topónimo alude a un lameiro, na acepción de "campo, prado". Ao ser calificada de "vella", queda clara a acepción de lama a que se refire, non á de "lodo".

CALDEIRÓN, O (Budián)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada para Budián (1753) ao referir os límites da freguesía.
O topónimo talvez remita a un lugar entre rochas onde se xunta a auga da chuvia. Deriva de "caldeira", 'canle para regar as terras', e esta de "cal" (canle), do latín canale.
Alternativamente, pode tratarse do apelido ou alcume dun antigo propietario do lugar. De feito o apelido Caldeirón xa figura atestado no século XIII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").

CALVARIO, O (Budián)
Probablemente referidos á existencia de cruces ligadas ao culto do Via Crucis.

CALVELO (Budián)
Tanto "calvo", "calvelo", "calvela" e "calveira" refiren a un lugar sen vexetación arbórea ou arbustiva.

A CALZADA (A Laxe, Recaré)
Topónimo transparente, aludindo a un camiño empedrado que pasaría por este lugar.

CAMBELEIRO (Budián)
Unha "cambela" designa un pau retorto. Por extensión,  un arado antigo. 
Coidamos que referiría neste caso ao alcume dun antigo propietario.
Unha orixe alternativa sería do diminutivo de "camba".

CAMONDE (Santa Cruz do Valadouro)
De *(uilla) Camundi, forma en xenitivo de *Camundus, nome do posesor medieval da uilla (granxa, casal, explotación agríola), nome de orixe xermánica. 

CAMPELO (Santa Cruz do Valadouro)
O dicionario de  Aguirre del Río recolle "campelo" coa acepción de "prado pequeno" (cf. L.  Aguirre, 1858. "Diccionario del dialecto gallego"). Esta especialización do nome, xa non visto como puro diminutivo de campo, queda patente na toponimia con lugares como Campelín (Foz), cuxo diminutivo máis moderno en -iño semella mostrar que "campelo" xa non era percibido como diminutivo.
Por outro lado, tamén pode aludir ao apelido do propietario, (a finca do) Campelo.

CAMPO DoS arcoS (O Cadramón (San Xurxo)
Os  topónimos  Arcos  polo xeral estarán ligado co  substantivo común homónimo arco (< latín arcu), que designa un ‘elemento construtivo con forma xeralmente curva que serve de soporte ou de ornamento’ (DRAG).
Por outro lado, Moralejo Álvarez, aínda recoñecendo que moita da documentación existente sobre os topónimos Arco e Arcos, xunto cos seus derivados e compostos, remite ao latín, interprétaos con orixe na indoeuropeización prelatina. Reitiría, segundo Moralejo, a lugares cercados, ou non, para o pasto ou ameixoar o gado; canto á etimoloxía, proviría das raíces prerromanas *areq- ‘protexer, pechar’ ou *h2erk ‘gardar’ (cf. J. Moralejo, 2005. "Arco(s), Busto(s), Pazo(s): ¿toponimia de ganadería?", in A. Boullón et al "As tebras alumeadas: estudos filolóxicos ofrecidos en homenaxe a Ramón Lorenzo").

CAMPÓN (Budián, Moucide)
O termo campón significa prado de secano de moita extensión. Cf. DdD.

CAMPOSA DAS SAÍÑAS, A (Vilacampa)
O termo "camposa" ("campón") designa un campo grande.
En canto ao termo "saíña", o dicionario define saíña como lugar onde abunda o sal ou se cría o sal. Cf. DdD
Esta referencia ao sal era importante no pasado para o gado e outros animais domésticos. 

CANCELAS, AS (O Cadramón)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada para O Cadramón (1753) como "sitio das Cancelas" ao referir os muíños da freguesía.
O significado é transparente, unha "cancela", do latín tardío cancella. Na toponimia dá nome a un terreo, curral ou lugar pechado por unha cancela, a cal evitaba o paso do gado e das persoas.
En paralelo á súa vixencia, o apelativo "cancela" cristalizou na toponimia ben cedo. Atopámolo como topónimo, a modo de exemplo, nun documento de 1399:
       " .. outro tarreo que faz na cancela de Goente .."

Eladio Rodríguez, a respecto das cancelas, fai no seu dicionario un comentario etnográfico  indicando a crenza de que antigamente se reunían as almas dos defuntos xunto delas e por iso non se pechan con violencia, para non mancar os espíritos que veñen do máis alá (cf. DdD).

CANDAEDO (Budián)
Do latín *candanetum 'garabullal'lugar onde hai "candos" ("garabullos", "guizos")  Cf. Verba4. Cf. E. Rivas Quintas (2001).
O termo "cando", segundo G. Navaza, designa en xeral "póla seca", "vara para alumar", "pau queimado"(cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).
O Nomenclator de Galicia rexistra unha importante frecuencia de topónimos relacionados:  Candaedo, Candaendo, A Canda, O Candal, Candaoso, Candaosa. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal.

Canto á etimoloxía, parece derivar dunha raíz indoeuropea *(s)kand-  'resplandecer, brillar',  como no lat. candeo "brillar", "arder". Partindo desta raíz, postulouse un elemento céltico *kando-, e kandanos, do que derivaría "cando". 

CANDORCA (O Cadramón)
Este topónimo é relativamente frecuente en Galiza, así atopámolo e.g. en Chavín e no Vicedo. 
O termo "Candorca" probablemente derive de "cando" + "orca". Para "cando", ver a entrada "CANDAEDO".
A respecto do elemento -orca, Gª de Diego suxeriu que podía ser un adxectivo ‘cóncavo, profundo’, que ocasionalmente adquiría valor sustantivo ‘cova, sima’. Almeida Fernandes relaciona -orca con ‘dolmen’. Cf. aquíCremos que, tendo en conta a súa representacion nos topónimos galegos, como "Pandorca", "Candorca", "Cavorca" (=barranco profundo), "Cañorca", "Lamborca", así como en portugueses como "Palorca", tórnase bastante probable ese significado de "sima, barranco".

En concreto, o topónimo "Candorca" parece confirmar que, na maioría destes topónimos, o primeiro elemento é adxectival, e o apelativo é orca: "cand-" tén sentido como 'brillante', e o feito de ir "-orca" en femenino, demonstra que non é sufixo ou adxectivo, pois nese caso, sendo asociada a "cando", sería **candorco.

Tampouco é descartábel que este topónimo remita ao alcume dun antigo propietario. O apelativo "candorca" 'orca, cetáceo' designa tamén 'muller grosa e suxa'. Porén, aínda que nun topónimo podería encaixar como alcume, é improbable se temos en conta a relativa frecuencia deste topónimo en Galiza, o cal non semella probabilisticamente aceptable se fose tal alcume. Máis improbable aínda unha vez que vemos a frecuencia dos topónimos en -orca/-orco.


CANEDO, O (San Tomé de Recaré)
Lugar onde abundan as "canas" (canaveiras).

CANTO DA FRAGA, O (O Cadramón)
O apelativo "canto" tén varias acepcións en galego; a que ao meu ver máis encaixa na toponimia é a de  "recuncho", "lugar apartado", "saliente", "lado".  Isto é particularmente probable en topónimos como  "O Canto do Pazo" (Cervo), "O  Canto da Vila" en Silán (Muras), ou "O Canto do Prado" no Burgo (Muras).
Corominas asígnalle unha orixe no latín cantus 'llanta de metal', e dá por case segura unha orixe céltica (cf. Corominas, DCECH, s.v. canto iii). No entanto, os derivados da forma protoindoeuropea *kan-tho 'recuncho, extremo',  están presente en moitas linguas indoeuropeas, non só celtas, incluíndo o polaco kąt 'ángulo', ou o lituano kampas.
Outra acepción que nalgúns casos podería encaixar na toponimia é a de "pedra, pedra grande non tallada", acepción presente tamén na maioría dos dicionarios de galego (cf. DdD). 
É un topónimo frecuente en Galiza, incluíndo os derivados Cantelo, Cantiño, Cantón.

CAÑOTOS, OS (O Cadramón)
O cañoto significa o mesmo que canoto, " talo de certas plantas coma a col ou o millo". Outra acepción é a "parte do talo que queda pegada á raíz despois de cortar unha planta".
Para un topónimo, encaixa interpretalo como aludindo ao alcume ou apelido dun antigo posesor do lugar. Como apelido, xa figura atestado no século XII (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos"). No entanto, non é un apelido frecuente nesta zona, segundo o CAG.
O Nomenclator rexistra unha aldea O Cañoto en Barreiros, e uns prados en Xermade.

CARBALLAS, AS (San Xiao de Recaré)
Unha "carballa" é un carballo grande, centenario.

CARBALLO DA VARA, O (O Cadramón)
O topónimo "vara" é de orixe prerromana. E. Bascuas e outros autores derívano da raíz hidronímica indoeuropea *awer-, 'auga, mollar, chover, fluxo' (cf. p. 91 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

CARGADOIROS (O Cadramón)
O sufixo -doiro, do latín -torium, significa acción ou lugar onde se realiza a acción. Neste caso, lugar onde se realizan cargas.

CARREIRA, A (Santa Cruz do Valadouro)
O apelativo "carreira", presente no galego, remite a unha (vía) carreira, un camiño feito para a pasaxe de carros ou incluso á presenza de "antigos carrís creados polo paso continuado de carros". Deriva do latín vulgar carraria,  feminino  do  adxectivo  carrarius,  derivado  do  substantivo  carru (> galego carro), un termo céltico que incorporou o latín.

O Nomenclátor rexistra o topónimo A Carreira noutros 44 concellos galegos, así como a forma en plural As Carreiras, nos concellos do Barco de Valdeorras, Lalín, Mañón, Monfero e A Pastoriza. Tamén encontramos ambas singular e plural sen artigo Carreira  en  Ames,  Padrenda,  Ponteareas,  Taboada  e  Zas;  e  Carreiras  en  Lalín,  Lobeira e Pontecesures. Alén diso, forma parte de nomes de lugar compostos, como Bocacarreira (Begonte), A Carreira Vella (Outeiro de Rei) ou Ponte Carreira (Frades). 

CARRAGAL, O (San Xiao de Recaré)
CARREGAL, O (Vilacampa)
Topónimos que remiten a lugares con abundancia da planta chamada "carrizo". A identificación desa planta por veces é problemática. Algunhas veces pode ser relativo ao "carrasco" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

CASAL (San Xiao de Recaré, Moucide, O Cadramón)
CASAL DA COSTA (Frexulfe)
CASAL DE DIEGO (Budián)
CASAL DO RICO  (Santa Cruz do ValadouroSan Tomé de Recaré)
CASÁS, OS (Budián, Vilacampa, Santa Cruz do Valadouro)
O termo casal, de significado transparente, vén do latín casalis, e designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

CASCALLEIRA (Frexulfe)
O mesmo que cascabullal, "lugar con cascallo".

CASTELO, O (Vilacampa)
Topónimo con orixe na palabra latina castellum ‘forte, reduto’, diminutivo de castrum ‘campamento fortificado’. É un topónimo moi frecuente en Galiza.
A motivación deste topónimo  pode vir  tanto dunha fortificación medieval como por unha aplicación metafórica para nomear un outeiro do terreo, houbese ou non algún tipo de fortificación. Os vestixios de castros prehistóricos tamén reciben este nome, polo xeral ao estaren situados en lugares elevados no terreo, non por unha referencia a unha entidade xeográfica ou étnica dos pobos da Gallaecia durante a administración romana.

CASTRILLÓN (Cadramón)
O termo "castrillón" é un derivado de "castro". Indicaría a antiga existencia dun castro, aínda que por veces refire simplemente a un lugar elevado na paisaxe. 
Así, o dicionario de Eladio Rodríguez define castrillón como "vocablo toponímico de Galicia, que es aumentativo de castro y significa monte alto, eminencia, altura o elevación del terreno" (cf. DdD).
Ver COTO DOS CASTROS para máis detalles.

CATADOIRO (Budián)
CATADOIRO, O (San Xiao de Recaré)
Podería vir de captatorium, ben de "observación" ou ben de "caza". Existe por exemplo  "O Catadoiro" en Vieiro, etc.
Alternativamente, podería ser un termo de orixe prerromana, derivado da raíz *kat-.
Ver entrada do blogue referida a "Pena da Cataverna" para máis detalle.
Existe "Catadoira", por exemplo en Galdo, "Os Catadoiros" en Mañón, etc.

CAXIGAL, O (Frexulfe)
CAXIGUEIRA, A (Santa Cruz do Valadouro)
CAXIGUEIRA DE ABAIXO

CAXIGUEIRA DE ARRIBA (A Laxe)
CAXIGUEIRAS (O Cadramón)
Os termos "caxigal" e "caxigueira" aluden a un lugar onde abundan as árbores chamadas "caxigos"(cf. RAG).

CEIBALLÓS, OS (A Laxe)
O lugar tamén é chamado "Monte do Ceiballón".
O termo "ceiballós" é o plural de "ceiballón", posiblemente derivado de "ceiba", e portanto relacionado coas "ceibas", "pastaxe común en terreos baldíos" (termo recollido en Trás-os-Montes, Norte de Portugal). Cf. aquí.

CENDEMIL (Santa Cruz do Valadouro)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada para Sta Cruz (1753) ao referir a situación dun muíño ("al sitio dezendemill" ). Igualmente no correspondente de Recaré.

Remite a unha (uilla) Sendemiri, forma en xenitivo de Sendemirus, nome do posesor  medieval da uilla (altomedieval (granxa, casal, explotación agríola). É un nome de orixe xermánica.

CERNADAS, AS (Santa Cruz do ValadouroSan Xiao de Recaré)
CERNADELA (Santa Cruz do Valadouro)
O termo "cernada" remite a unha *(agra) cinerata, 'queimada', moi probablemente en relación con as actividades de cavar na rozaCando se cavaba a roza, facían borralladas, que servían de abono, ao queimaren os toxos,etc.
No caso "Cernadela", ao levar o antigo diminutivo "-ela" indícanos que é un topónimo non recente, senón posiblemente altomedieval.

CERRADOS DE PENALBELO (Frexulfe)
Este topónimo debe remitir ao sobrenome Albelo ("branquiño") dun antigo posesor destes terreos onde queda a referida pena. É de notar a obviedade de que "albelo" non caracteriza a cor da pena, pois senón sería "albela".
Rosario Soto indica que este alcume xa está documentado como "Aluelo"  ("..Johan martiz dito aluelo..") no séc XIII  (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").
Esta Pena Albelo, xunto co "Cerrado de Xan Albelo" en Cervo, confirman que na zona tamén foi usado este sobrenome, talvez de apelido. O Nomenclator rexistra outros na zona, como O Albelo no Burgo (Muras).

CHAO DA RAÑA, O (Frexulfe)
Unha "raña" costuma ser un lugar pelado e pedregoso. No dicionario figuran dúas acepcións de "raña" que encaixan como topónimo: o de "terreo alto e de monte pobre", e o de     "rápido desnivel no leito dun río de fondo pedregoso". No caso que nos ocupa parece máis axeitada a primeira acepción.
O sentido topónimico, en opinión de Menéndez Pidal, sería "sitio raído ou arrastrado pola acción erosiva das augas o por un desprendimento de pedras".
E. Rivas e outros suxeren para o topónimo unha raíz prerromana *ra-*ro-, que daría lugar a unha familia de palabras relacionadas con "rañar", "arrasar", etc. (cf. E. Rivas "Toponimia de Marín".
Cf. aquí e aquí para unha discusión máis ampla).

CHAO DAS LAGORZAS, O (Budián)
O termo "lagorza" deriva de "lago", e refire un lugar encharcado.

CHAO DE GAMOIDE (Budián)
O termo "gamoide", grafía alternativa de "gamoíde", é o mesmo que "gamoedo", lugar onde abunda a planta chamada "gamón".
Cf. DdD

CHAO DO FORCÓN (Frexulfe)
Ver "ALTO DO FORCÓN".

CHAO DO SERRAPIO (A Laxe)
O termo "serrapio", é definido por Sarmiento como "apretura entre dúas serras". Cf. aquí.
Hai un "Penidos do Xerrapio" na mesma parroquia, correspondente co mesmo topónimo. O termo orixinal non pode ser "xerrapio" senón este "serrapio": aínda tendo unha terminación "-apio" infrecuente, o topónimo "Serrapio" está rexistrado en cinco concellos das catro provincias galegas, en canto que non se rexistran outros casos "xerrapio".

CHAVE, A (Santa Cruz do Valadouro)
Probabelmente relativo á forma do terreo en "L", de feito este é o termo para caracterizar, por analoxía, esta clase de terreos.
Analogamente en portugués "chave" denominaba un 
recanto ou cotobelo que uma belga ou um terreno faz para algum dos lados” (cf. Elucidário). 

CHIVADOIRO (O Cadramón)
O termo "chivadoiro", por veces grafado como "chibadoiro", defíneo o dicionario Constantino García González como "lugar onde se xuntan ou separan os rabaños ao ir ou voltar do pasto. Cf. DdD.
Este topónimo ten certa frecuencia na Mariña, así está rexistrado tamén en Alfoz e en Ribadeo.

CHOUSA DE ABILLEIRA (Frexulfe)
O termo "abilleira" é unha grafía alternativa de "abelleira". Ver "A ABELLEIRA".

CHOUSA DO CANTIÑO (Santa Cruz do Valadouro)
O termo "cantiño" é a forma en diminutivo de "canto".  O apelativo "canto" tén varias acepcións en galego; a que ao meu ver máis encaixa na toponimia é a de  "recuncho", "lugar apartado", "saliente", "lado".  Isto é particularmente probable en topónimos como  "O Canto do pazo" (Cervo), "O  Canto da Vila" en Silán (Muras), ou "o Canto do Prado" no Burgo (Muras).

Hai quen lle dá a esta acepción de "canto" unha orixe celta, pero iso non é máis que unha posibilidade. Corominas asígnalle unha orixe no latín cantus 'llanta de metal', que tería unha orixe estranxeira, talvez céltica en relación co antigo bretón cant 'circo, aro'. No entanto, a partir da forma protoindoeuropea *kan-tho 'recuncho, extremo',  está presente en moitas linguas indoeuropeas, non só celtas, incluíndo o polaco kąt 'ángulo' (< protoeslavo kǫtъ), ou o lituano kampas.

Outra acepción que nalgúns casos podería encaixar é a de "pedra, pedra grande non tallada" presente tamén na maioría dos dicionarios de galego (cf. DdD). Corominas dá por case segura unha orixe céltica (cf. Corominas, DCECH, s.v. canto iii).
O topónimo "Canto" é frecuente en Galiza, incluíndo os derivados Cantelo, Cantiño, Cantón.

CHOUSAS DE ARNELA (Budián)
Ver "A ARNELA".

CHOUSAS DE PEIZÁS (Frexulfe)
O termo "peizás" é unha variante de "Painzás". Ver "A Painzás".

CIBEIRAL (O Cadramón)
CIVEIRAL (O Cadramón)
Probabelmente teña a orixe en "Aciveiral", con aférese do a-. É un topónimo frecuente, que atopamos por exemplo en Mañón ou en Muras. A aférese é relativamente frecuente, por veces como ultracorrección de pretendidos vugarismos. Con todo, xa atopamos "Civeira in Mindonedo" no Tombo de Oseira no ano 1200 (cf. Lucas Álvarez).
Se fose xa orixinaiamente "cibeiral", entón aludiría a un lugar onde se cultiva "cibeira", do latín cibaria 'víveres, alimentos', plural de cibarium 'alimento', 'fariña groseira', e significa "grao que serve para alimentar o gado" (cf. J. Corominas & J. A. Pascual, "Diccionario crítico-etimológico castellano e hispánico").

COCHÓN (O Cadramón)
O termo "cochón" pode significar "pedazo de terreo labradío de certa extensión". Tamén pode vir de alcume despectivo, aumentativo de "cocho" ("porco").
Tamén pode ser unha deturpación de "cachón" (fervenza), aínda que descoñecemos o lugar.
Existe outro "Cochón" no viciño concello de Xermade.

CONDOMIÑAS (O Cadramón, Vilacampa)
Terras en condominio, do latín medieval condominia, plural de condomĭnĭum ‘condominio, terra de dominio compartido entre varios donos, señores ou posesores’. 
Os topónimos que conteñen este nome son polo regular de orixe medieval e poden designar tanto núcleos de poboación como tamén herdades ou áreas rústicas que no pasado tiveron un réxime de propiedade desas características. 

CONGOSTRA, A (A Laxe)
CONGOSTRA CEGA (Budián)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode ser sinónimo de corgo, córrego. A palabra vén do latín congusta, "estreita". CfDdD.

Canto a "Cega", podería indicar que está pechada na parte fondal, cremos máis ben que se trata dun hidrónimo de orixe prerromana, tal como se explica de seguido.
Podería pensarse no adxectivo "cega", do latín caecam, no sentido de fonte "atascada, atrancada, tapada". 
No entanto, é un caso infrecuente demais para todas as fontes e ríos "cegos" que atopamos. ademais de en Mañón, atopamos "Fonte Cega" en Fazouro, Cangas, Nois, San Martiño de Mondoñedo, así como outra "Congostra Cega" en  Barreiros, ou o "Rego Cego" en Cordido.
Tendo en conta esta frecuencia en hidrónimos, e soamente en hidrónimos, semella probábel unha orixe distinta.
O filólogo E. Bascuas estudou este caso, aportando unha razón máis: no caso do "río Cego" (Valladolid) non ditongou en **Ciego, proba de ter unha orixe distinta.
En efecto, E. Bascuas interpretou estes hidrónimos como de orixe na forma prerromana *kei-ka, provinte da raíz indoeuropea *kei- 'cor' (xeralmente escura), ou *kei- 'mover, moverse' (cf. páx. 272 de E. Bascuas. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014).

CORTEGAZA (O Cadramón)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada para O Cadramón (1753) como "sitio da Cortegaza" ao referir os muíños da freguesía.
Probablemente do latín corticacea, "cabana feita con cortizas" (paneis de caca, xeralmente de sobreira). Análogo por tanto a "pallaza" (casa ou cabana coberta de palla).
En Portugal existe o mesmo topónimo coa grafía "Cortegaça". Co mesmo sufixo figuran moitos outros apelativos con ese significado do material de orixe, así hai "Colmaça" ‘casa tellada con colmo (palla longa do centeo)’, "Bergaço" ‘construción feita con varas (trenzadas)’, do latín virga,  "Taboaço" ‘[construción] feita con táboas’. Tamén está documentado en 1524 "moradas palhaças', construcións telladas con palla. Cf. aquí.
Tampouco podemos descartar a interpretación alternativa de relacionar este topónimo co substantivo corte (do latín cohŏrte, formado a partir de cum-hortus ‘recinto pechado por muros’, precedido da preposición cum) e co seu derivado cortiña. A partir dun verbo *corticare, o participio corticata aplicaríase a unha área caracterizada pola presenza de cortiñas pechadas por valados ou muro

CORTIÑA (Budián, O Cadramón, O Valadouro)
CORTIÑAS, AS (Frexulfe)
Do latín tardío cohors, ‘sitio cerrado’, do cal derivou cohortina, ‘cortiña’ (e cohorticulu(m), ‘cortello’). 
As cortiñas son leiras que orixinariamente estaban pechadas, situadas preto da aldea, eidos traballados e estercados nos que se plantan legumes e hortalizas.

CORUXO (Moucide)
Topónimo que non debe aludir á ave "coruxo" senón probabelmente faga referencia ao sobrenome dun antigo posesor. O apelido Coruxo xa figura atestado en Galiza no século XV (cf. L. Méndez. "Os sobrenomes nos apelidos").
O Nomenclator rexistra nesta zona un Coruxos en Cordido (Foz), e outro no Viveiró (Muras).

Tampouco se pode descartar que se proveña do tema prelatino *kor-/*kar- "monte, altura". Cabeza Quiles deriva estes topónimos do tema prerromano *kar- 'pedra, zona rochosa' (cf. F. Cabeza "Os nomes de lugar", 1992).

CORVELLE (O Cadramón)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada para O Cadramón (1753) como "sitio de Corbelle" ao referir os muíños da freguesía.
O topónimo deriva de *(uilla) Corvilii, forma en xenitivo de *Corvilius, nome do posesor medieval da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agríola). É un nome de orixe latina (cf. J. M. Piel "Nomes de ‘possessores’ latino cristiãos na toponímia asturogalego-portuguesa". 1947).

COSTELA (O Cadramón)
O termo "costela" é un antigo diminutivo da palabra costa. Este diminutivo -ela, derivado do latín –ĕlla, foi substituído en galego polo sufixo –iña, comezando xa esta substitución na Idade Media. Polo tanto, estes topónimos deben ter unha orixe medieval ou anterior, sendo en xeral anteriores aos correspondentes "Costiña".

COTO DA GROITEIRA (O Cadramón)
O termo "groiteira" é de significado e orixe incertas.
Podemos aventurar unha orixe antigo-europea (precelta) no tema *gur- ou *gwor,  derivado da raíz indoeuropea *gwer- "tragar". 
Sendo o tema *gur-, podería ter unha idea de "sima", que sería preciso contrastar localmente.
Destes temas *gur-/gwor- deriva Bascuas os topónimos Gurita (Ordes), Gorita (Paderne),   Guritas (A Pastoriza), etc. (cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 

COTO DAS LAIAS (Vilacampa)
O termo "laia" sinónimo de laxe e coa mesma orixe en *lagena, voz de orixe prerromana. Representa, xa que logo, unha evolución diverxente.

COTO DE SENDÍN (Santa Cruz do Valadouro)
O topónimo "Sendín" proviría dun Cottu Sendiniforma en xenitivo de Sendinus, nome de orixe xermánica, da raíz *sinth 'camiño, expedición' (cf.  p. 342 de J. M. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VI).
Por falta de documentación antiga, tampouco podemos desbotar que se trate dun topónimo non medieval senón moderno, formado a partir do apelido Sendín, e indicando por tanto o apelido dun antigo posesor deste coto.

COTO DE VAO (Santa Cruz do Valadouro)
Ver "Vao".

COTO DO MONTOXO (O Cadramón, San Tomé de Recaré)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada para Frexulfe (1753) como "sitio de Montojo" ao referir os límites da freguesía.

O nome deste coto podería aludir aos seus (antigos) propietarios, ben por seren oriúndos algún lugar dese nome, tal como o Montoxo de Cedeira, ou ben por teren o apelido "Montoxo" ou "Montojo", á súa vez derivado dun topónimo do mesmo nome.
Dado que se trata dun coto, tampouco podemos descartar a orixe directa "Montoxo", formado por haploloxía a partir de "Monte (do) Toxo". 

COTO DOS CAPELOS (Frexulfe)
Debe remitir ao sobrenome dun antigo posesor, tal como ocorre noutros casos como "Cercado do Capelo" (Ribadeo) ou Bouza do Capelo (Burela). 
É un alcume xa atestado na Idade Media 
"..Maior Petri dicta Capelo .." (cf. E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999). 
Este alcume aludiría, talvez, á roupa que usaba: o dicionario de Luís Aguirre del Río recolle "capelo" como "capote de croza, con capucha" (cf. L. Aguirre (1858): "Diccionario del dialecto gallego).

Tamén podería tratarse dun uso metafórico de "capelo", referíndose á forma do monte, semellando a un sombreiro cónico, como debe ocorrer cos topónimos recollidos no Nomenclator tales comos "Capeludo" e "A Capelada", un deles no Viveiró.

COTO DOS CASTROS (A Laxe, Recaré)
A voz "castro", do latín castrum 'castelo, fortaleza', designa un poboado fortificado de época prerromana e/ou romana, situado en lugar estratéxico (xeralmente nun alto) e defendido con sólidas murallas. En toda Galiza estímase que hai restos de cinco mil castros, o cal dá idea dun poboamento moi intenso e disperso (cf. A. López Carreira, 2016, p. 73. "Historia de Galicia").

É de notar que no caso das poboacións que conservan este topónimo, moitas veces non se atopan no lugar orixinario do castro senón a certa distancia (aínda que nalgúns casos o poboamento continuou ata hoxe na mesma situación do castro orixinario). Por outro lado, os lugares orixinais quedaron no imaxinario popular, percibidos como enclaves nos cales residía o elemento sobrenatural: tesouros, túneis, mouras de cabelos louros etc.), moitas veces sacralizados mediante a construción de ermidas.
Coa conquista romana e posterior romanización, os castros sufriron unha transformación en aldeas galaico-romanas, dándose un abandono progresivo, ao mudaren as prioridades xeográficas, non primando xa a situación estratéxica defensiva e perdendo o uso as murallas (o cal constatan os restos de edificacións alén das murallas ou aproveitando as mesmas murallas). As aldeas galaicorromanas estabelecéronse xeralmente en lugares diferentes dos castros orixinais, pois primaba agora a proximidade ás vías de comunicación, ás terras cultivadas e aos cursos fluviais (cf . J. C. Sánchez Pardo, 2008. "Territorio y poblamiento en Galicia entre la Antigüedad y la Plena Edad Media"). Este proceso de abandono dos castros aconteceu paulatinamente entre os séculos I e III.


COTO DOS PIAGOS (O Cadramón)
O termo "piago ou "peago", do latín pelagus, é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río.
En efecto, este termo é definido por Piel como
 "sítio fundo do mar ou de um rio". (cf. p. 323, J. Piel "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII, 1945).

COTO FONTAU (O Cadramón)
Debe remitir ao apelido dun antigo posesor deste coto.
Trátase dun apelido detoponímico, remitindo a un lugar Fontao, do latín fontanu, derivado de fons "fonte". 

COTO MARELO (Budián)
Ver A AMARELA.

COTORELO, O (Frexulfe)
Un "cotorelo" ou "cotarelo" é un pequeno outeiro ou coto (cf. DdD).

COTURREIRO, O (Frexulfe)
Derivado de "coturro", á súa vez derivado de "coto", dunha orixe prelatina *cott- 'lugar alto'.
Para coturro, na zona das Médulas (León), de fala galega, aínda se usa a voz "cotorro", co significado de "outeiro de escasa elevación sobre o que o rodea" (cf. aquí). Por outro lado, E. Rivas rexistra o significado máis xeral de "cotorra" como "outeiro, colina".
Os topónimos "Coturra/o" son frecuentes en toda Galiza, así nas Negradas "A Cuturra", en Bares "A Cotorroia", O Coturro en Viveiro.

COUCILLÓS, OS (Frexulfe)
Plural de coucillón, diminutivo de "couce". A palabra "couce" ten múltiples acepcións. Nestes casos viría de calce "calcañar", e designa un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada".

COUSO (Frexulfe)
O termo "couso" acostúmase a interpretar como "sitio coutado", para actividade específica,  xeralmente  remitindo a un foxo no monte para a caza de alimarias, maiormente lobos. Ten outras acepcións, como a de "sitio para facer cacería, xustas" e a de "horta pequena".

Xa Sarmiento indicaba no séc. XVIII que "nas montañas de Samos chaman [couso] ao buraco ou foxo que se fai para coller lobos".
Silveira fixo tamén esta interpretación, derivándoo do latín medieval caussu, da forma secundaria de participio do verbo caveo 'gardar, vigxiar’, xa recollida por Du Cange (cf. Revista Lusitana n. XXIV, p. 206). Corominas explica couso como resultado dun cruzamento de cosso (< cŭrsum) e couto (< cautum).

É un topónimo moi frecuente en Galiza e na contorna, como no Valadouro, Muras, Alfoz. Nalgúns casos, como "O Couso dos Lobos" (Manzaneda) ou "O Couso do Foxo" (Triacastela), o significado é claramente o indicado.

COUTOMIL (Frexulfe)
Está atestado como "Couto mil" no Catastro de Ensenada para Frexulfe (1753) ao referir os límites da freguesía.
Topónimo formado a partir do medieval *Cautu Miri, forma en xenitivo de Mirus, que remite ao nome do posesor medieval do couto. É un nome de orixe xermánica.
Canto ao significado de "couto", podemos citar a explicación de Martínez Lema:
O substantivo couto (común ao portugués e cuxo equivalente castelán é coto), procedente do latín cautu, que á súa vez era o participio do verbo caveo ‘vedar, gardar, defender’. A voz couto pode designar unha extensión de monte valado e coutado, ou, en xeral, un terreo máis ou menos extenso dedicado a monte. No cadro xurisdicional do Antigo Réxime, herdado en boa medida da Idade Media, o couto era un conxunto de varios núcleos de poboación que constituían un feudo e que, por estaren sometidos directamente ao señor (quer laico quer eclesiástico), gozaban da exención de certas cargas. (cf. P. Martínez, 2018. "Toponimia de Begonte e Rábade").

COVA DE TAN (O Cadramón)
O mesmo que "A Cova de Atán".

COVA DE ATÁN, A (O Cadramón)
De *cova de Attane, sendo Attane a forma flexiva dunha persoa chamada Atta ou Attanus, nome rexistrado en 867 como Athanus (cf. M. Lucas Álvarez (1998): Tumbo A de la Catedral de Santiago")
Hai controversia sobre se este nome é de orixe xermánica (a mesma que e.g. a de Attila) ou prerromana. De feito Bascuas deriva *Attanus, dun antropónimo prerromano, relacionado 
con outros como Attanius Aitanius, que aparece nunha inscrición atopada na cidade de Lugo.

CROA, A (Budián)
O termo "croa" vén de "coroa", cima de monte redondeada, moitas das veces a parte alta dun castro.

CRUZ DE MONTEIRO (Frexulfe)
O topónimo fai referencia ao apelido da persoa que faleceu nese lugar nun accidente.

Canto ao apelido Monteiro, en xeral "monteiro" remite a unha "persoa que participa nunha cazaría no monte, encamiñando a caza cara onde se atopan os cazadores" (cf. aquí), aínda que dun punto de vista histórico referiría “o cazador especializado que guía unha montaría”. 
As montarías eran comúns no rural e, en particular, as batidas de lobos, xeralmente dirixidas por monteiros profesionais,  foron comúns e recorrentes desde a Idade Media ata o século pasado. En efeito, un número nutrido de persoas corría o monte batendo sobre o chan e o mato para asustar e acosar o lobo, polo xeral conducíndoo para un un foxo. Na Idade Media, o monteiro costumaba ser un experto cazador local que tiña encomendada a organización de batidas comunais contra lobos e feras salvaxes que ameazaban o gando. Nalgúns casos, o monteiro exercía a súa profesión sen exclusividade, asinando contratos con señores, aldeas e mesmo parroquias enteiras. 

CUBELA (MoucideO Cadramón)
Grafía alternativa de "covela". Unha covela, termo orixinariamente derivado como diminutivo de "cova",  designa un "pequeno vale cóncavo formado na converxencia de dúas encostas peadas de monte". É un termo similar a "cale" ou "cal".

CUBILOTES (O Cadramón)
Diminutivo plural de "cubil", no sentido de "refuxo, madrigueira".

CUCHAREGO (FrexulfeO Cadramón, Valadouro)
Forma derivada de "cocho" 'porco', "mamífero da familia dos súidos". Debe remitir a goridas de cochos bravos.
A forma cucharego inclúe o sufixo -ego, de orixe prerromana, presente en moitos outros topónimos, do mesmo modo que "lamego" de lama, "Navego" de navia, "Balsego" de balsa, Pallarega de palla etc.

Este topónimo debeu ter vitalidade como apelativo, pois está rexistrado na maioría dos concellos da comarca, tanto no Ortegal como na Mariña, coherentemente co feito de ser 'cocho' a voz máis común para se referir ao "porco".

É de notar que estes topónimos non teñen relación coa acepción que dá o dicionario de Carré Alvarellos, como “leira pequena dedicada a leña ou a prado”, pois non parece que teña tido tanta vitalidade na fala de toda a comarca para quedar só como topónimo.

É interesante reparar que, mentres na maioría dos casos se perdeu a forma -u- fronte a -o- nas -o- pretónicas etimolóxicas, neste topónimo preservouse maioritariamente na gran maioría dos topónimos, probablemente polo influxo do castelán "cuchara".

CURUXEIRAS, AS (Santa Cruz do Valadouro)
Unha "curuxeira" designa, metaforicamente, un "lugar en sitio elevado e con penascos" (cf. DdD).
No entanto, este non é o caso , pois este lugar atópase  nun lugar chan, preto da igrexa. Por tanto, non temos explicación plausíbel para este topónimo.

ESBEDRIDO (Budián)
Grafía de "esvedrido", lugar onde abundan os esvedros (cast. madroño).

ESCALLAL, O (Frexulfe)
Aínda que non recollida por Navaza no seu estudo de fitotoponimia galega, podería indicar un abundancial, un lugar onde abundan os "escallos". O termo "escallo" é definido nos dicionarios galegos como "chantón, enxerto".
Por outro lado, noutras xeografías próximas atopamos outras acepcións: o filólogo García de Diego recolleu variadas acepcións fitonímicas, entre elas o asturiano escayu ‘zarza’, o cántabro escajo ‘toxo’ ou o portugués escalheiro ‘silveiral’. No mesmo sentido, para o portugués escalheiro indica que
 "se usa tanto para ‘espino, Crataegus monogyna’ como para ‘galapero, peral silvestre, Pyrus sp.’ " (cf. P. Riesco, 2011. "Testimonios toponímicos del léxico arcaico de las provincias leonesas).

Todos as acepcións mencionadas estarían en relación co baixo latín squalidus 'áspero, erizado, rugoso', 'inculto' (de squalere 'estar en barbeito')


Considerando esa etimoloxía, hai quen o interpreta como "un terreo ou lugar que non foi comprado senón apropiado por estar abandonado, quer por non ter dono ou por estar inculto" (cf. aquí). Rivas tamén menciona esta orixe (cf. E. Rivas, 2007. "Natureza, Toponimia e fala").
Atopamos tamén un "O Escallar" en Burela.

ESCORIAL, O (San Xiao de Recaré)
Debe remitir a un "escoiral", na acepción de lugar no que se acumulou "escoura". O feito de se atopar este lugar próximo ao lugar d'O Pazo semella reforzar esta interpretación.
Ver ESCOURA.

ESCOURA (VilacampaO Cadramón)
Houbo un lugar atestado no Catastro de Ensenada para Budián (1753) como "Escoura" ao referir os muíños da freguesía.
A voz escoura en xeral designa una substancia vítrea que se forma durante a fusión dos metais e contén as impurezas.
En particular, nun topónimo, remite á materia que se desprende do ferro ao traballalo na forxa. Tamén pode referir a "pedra da cor do ferro".

É interesante o caso da VEIGA DA ESCOURA (Frexulfe), por se atopar preto do lugar do Pazo (Frexulfe). Xa temos observado outros casos nos que un Escoural ou Escoiral se atopa ´preto dun Pazo, tal como acontece co Escorial de San Xiao de Recaré.

ESCOURIDO (Budián)
O mesmo que "escouredo", terreo onde abunda a "escoura" (pedra de cor do ferro, ou "residuo de carbón e ferro"), e tamén, por extensión, "terreo malo e improdutivo pola abundancia de pedras" (cf. "escouredo").

Está atestado tamén un "Escouridal" no Catastro de Ensenada para Frexulfe (1753) ao referir os límites da freguesía.

ESQUEIRA (San Tomé de Recaré)
O topónimo "Esqueira" pode indicar un lugar onde abunda a "esca", no senso de "material vexetal fino e seco, que arde con faciliade", ou incluso no sentido ampliado de "comida".
Por outro lado, esqueira tamén é sinónimo de "escada", na acepción existente de "escada rústica que se fai nos cómaros con pedras salientes ou pequenos foxos nos mesmos comareiros. Cf. DdD.
En favor da primeira interpretación está o feito da existencia de topónimos "Esqueiru" en zonas de Asturias nas que non se du a caída do -l- intervocálico, co cal non puido vir dun *scalario, senón de esca, forma tamén cmpartida coa lingua asturiana.

ESTELEIRO, O (O Cadramón)
Está atestado no Catastro de Ensenada para O Cadramón (1753) como "sitio de esteleiro" ao referir os muíños da freguesía.
Significado incerto. Aínda que ao pé do río, non semella probable que fabricasen botes alí.
Podería vir de "estela" 'acha' (cast. astilla), talvez cun significado similar a 'lugar a onde se vai recoller leña', tal como se rexistra en Asturias para o termo análogo. Cf. aquí.
Alternativamente, significado similar ao portugués "estaleiro": un terreiro, un espazo de terra amplo, e despexado. Existe outro "esteleiro" nas Ribeiras do Sor (Mañón), tamén lonxe da costa para referirse a un "estaleiro".

ESTIBADA (O Cadramón)
ESTIBADA, A (San Tomé de RecaréSanta Cruz do Valadouro)
Xa Sarmiento indicou que unha estivada era “labor que consiste en rozar o monte, queimar a broza cortada, arar a terra e sementala de trigo ou centeo”. 
O termo "estibada" ou "estivada" aludiría a terra antigamente dedicada ás "rozas", operación de cavar un anaco de monte ou terreo inculto, xuntando a broza e facendo borralleiras para despois sementar trigo ou centeo.
Por extensión, os dicionarios tamén recollen a acepción de"peche dunha herdade con terróns". O máis probable é que aluda a "(terra que era) estivada, "terra que foi dedicada ás rozas".

Para maior detalle, ver  G. Navaza, 2009. "As 'estibadas' ou 'estivadas'. Nota etimolóxica".
Tamén foi detallado por Eladio Rodríguez  (cf. E. Rodríguez (1958-1961. "Diccionario enciclopédico gallego-castellano").

ESTREMAS, AS (Frexulfe)
A voz "estrema" designa unha "división, arró, linda".

ESVIDREIRA (Frexulfe)
Lugar onde abundan os esvedros (cast. madroño).

FERREIRA DO VALADOURO (Ferreira)
Con respecto a "Ferreira", provén do latín ferraria '‘mina de ferro'.
Canto a Valadouro, é un termo composto de "Vale do Ouro", do río Ouro. Ver "Río Ouro" para máis detalles.

FERROCENTE 
(O Cadramón)
De *(uilla) Ferrocinctiforma en xenitivo de Ferrocinctus, nome do posesor  da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agríola).
Este antropónimo, de orixe latina  (de ferro-cinctus 'ferro cinxido'), aparece atestado como "Ferrocinto" na documentación altomedieval galega (cf. p. 211 de A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

FOLGUEIRAL (O Cadramón)
FOLGUEIROSA (FrexulfeO Cadramón)
FOLGUEIRAS DE ABAIXO, AS (O Cadramón)
FOLGUEIRAS DE ARRIBA, AS (O Cadramón)
Os topónimos Folgueiral, Folgueirosa, Folgueira remiten a un lugar onde abundan os felgos.

FONTE DA AMOSA (San Xiao de Recaré)
Está atestado como "fonte da Mosa" no Catastro de Ensenada para Frexulfe (1753) ao referir os límites da freguesía.
O topónimo "Amosa" é un topónimo de orixe prerromana, e inclúe o coñecido radical hidronímico indoeuropeo *am- ‘canle, suco, cavar’, do cal Krahe relaciona un bon número de ríos europeos. 
Este topónimo "Amosa" foi estudado explicitamente por E. Bascuas, coa interpretación indicada (cf. p. 220 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Hai outras "Amosa" en Cabreiros, en Galdo (Viveiro), en Camanzo, en Ollares, no concello de Vila de Cruces (Pontevedra), en Moeche (A Coruña), etc.

FONTE DA CROA (O Cadramón)
Ver A CROA.

FONTE DAS GRANDAS (O Cadramón)
Ver "A Granda".

FONTELO (Santa Cruz do Valadouro)
A voz "fontelo" remite a unha 'fonte de caudal escaso e estacional que nace nos prados ou terreos húmidos’. En efecto, esta acepción aínda se conserva aínda no léxico das Médulas (León).
Por outro lado, nos dicionarios de galego soamente aparece no dicionario de Constantino García, aínda que só rexistrada nun lugar da xeografía galega, polo que semella máis probable a interpretación menos específica indicada.
É unha forma derivada de "fonte", co antigo sufixo diminutivo -elo. Poderíamos dubidar se vén de fonte + -ela ou directamente do baixo latín fontanellu. Parece ser que foi o segundo (cf. R. Álvarez, "Dialectoloxía e toponimia: Fontán, Fontenla, Fontaíña"), ao aparecer tamén a variante "fontenlo", así como "Fontaelo", que o Nomenclator rexistra en Xove e Foz.

FORCADA (Ferreira)
Termo relativo a unha bifurcación (de río, camiño, cordal). 
É un topónimo relativamente frecuente en Galiza (con formas como "Forcada", "Forcadela", "Forcadiña"), polo que non pode ser referido ao aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non encaixaría con esa frecuencia.

FORNOS (Recaré)
Aínda que o significado da voz "fornos" sexa transparente, non o é a motivación para asignarlle este topónimo ao núcleo de poboación ao que fai referencia.
Por un lado, pode remitir á existencia de fornos de tella, de olas, ou a forxas de ferreiros. Por outro lado, tamén encaixaría un uso metafórico, relativo a dolmens ou a cistas prehistóricas: tal como indica Manuel Lorenzo (cf. Toponimia de Dodro e de Laíño), "díselle ás mámoas fornos e fornelas dos mouros". Lembremos o exemplo do "Forno dos Mouros" en Mañón.

FOXO, O (O Cadramón)
O apelativo "foxo" vén do latín  fovea, e indica unha furada, un furado grande. Moitas veces os foxos eran trampas para lobos e outras alimarias. En efecto, o uso máis frecuente de foxo estaba ligado á caza. Di Viterbo:
 "era e é o fojo uma cova funda e redonda para tomar lobos e outras feras".
Os "foxos" para a caza de lobos e outras alimarias eran de responsabilidade comunal. Nun documento  de 1623 o Corrixidor asinaba unha orde de prender a Xoán Martínez, veciño de San Pantaión e Luís Dapena, labrador de Riobarba, por non acudiren a pechar o foxo.  Os veciños tiñan o labor 
"desde muchos siglos a esta parte, el remontar, correr y exterminar los muchos osos, lobos, jabalíes y otras fieras igualmente nocivas que se propagan en las montañas de aquella inmediación para impedir los estragos que solían causar no solo en los sembrados, sino en los ganados y poblaciones” (Torrente; 1999) (cf. aquí)

Non se debe confundir "foxo"  con "foso"("foxo" = port. fojo, cast. hoyo, en canto que foso = port. fosso, cast. foso) .

FRAGA DAS LAIAS (Vilacampa)
Ver "COTO DAS LAIAS".

FREITEMUNDE (Budián)
De (uilla) Frethemundi, forma en xenitivo de Frethemundus, nome do posesor medieval da uilla (casal, granxa, explotación agríola"), nome de orixe xermánica. 

FREIXA (O Cadramón)
Unha "freixa" designa unha "fervenza, cadoiro".  Tén outra acepción, que é a de "freixo". Cf. DdD.
Non coñecemos abondo a orografía do lugar para poder escoller unha das dúas acepcións con certeza. 

FREIXEIRA (Santa Cruz do Valadouro)
FREIXIDO (Frexulfe)
Os termos "freixido" e "freixeira" son sinónimos e indican un lugar onde abundan (terían abundado) as árbores chamadas "freixos".

FREXULFE (Frexulfe)
De *(uilla) Frogiulfi, forma en xenitivo de Frogiulfus, nome do posesor medieval da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agríola). É un nome de orixe xermánica, de Frauja 'señor' e wulf 'lobo' (cf. J. M. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo III). 
Atopámolo como "Frejulfe" no 1631 (cf. Censo de la Sal).

GALEGOS, OS (Frexulfe)
Topónimo de interpretación incerta.
O topónimo “Gallegos” é  frecuente no norte de Castela, en Asturias e no norte de Portugal, posibemente referenciando a repoblación por xente galega
Porén, a presenza no  territorio galego (cf. Nomenclátor da Xunta) deste topónimo é máis estraña, ao non servir de elemento diferenciador. Podería, incluso no caso galego, ter sentido en zonas de repoboación, para diferencialos doutros lugares repoboados con xente de fóra da Galiza. 
Menéndez Pidal relacionouno con repoboación por xente da Gallaecia Bracarense , 
"a la Gallaecia Lucense, que tenía mucho más escasa población, y se dio ese nombre para distinguirlos de las muchas colonias de mozárabes (denominados toldaos) para afirmar su procedencia interna y homogénea con las gentes del resto del país" (cf. R. Menéndez Pidal, “Repoblación y tradición en la cuenca del Duero”. 1960).
Boullón Argrelo, ao estudar na antroponimia medieval  a alta frecuencia  do cognomen "galego" no  corpus galego cre que "non debe responder a unha identificación
étnica, senón á calidade de 'cristián vello' fronte a 'mouro' ou 'xudeu'"; tamén refire a interpretación indicada de Menéndez Pidal (cf. Boullón Agrelo, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

Pola súa parte, García Arias indica que, para os lugares chamados "Gallegos" na  toponimia asturiana,  tórnase difícil de precisar se derivan de establecementos de xentes procedentes da Galiza ou “de ascendencia propiamente céltica o gala” (cf. X. L. García Arias, "Contribución a la gramática histórica de la lengua asturiana". 1988).
O profesor E. Bascuas relacionounos cunha ascendencia prerromana ao establecer a evolución kallaikos Gallaecus > Galegos (cf. E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 2002).

GALOI (Frexulfe)
De *(uilla) Galloni(i), forma en xenitivo de Gallon(i)us, nome do posesor medieval da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agríola). 

GATOI (Santa Cruz do Valadouro)
De *(uilla) Gattoni(i), forma en xenitivo  de Gatton(i)us, nome do posesor medieval da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agríola)
Atópase outro Gatoi en Tordoia (Co). Atopamos tamén, da mesma orixe, un "O Gatón" en San Xusto de Cabarcos (Barreiros). Fóra de Galiza tamén ten certa frecuencia, así atopamos por exemplo un Villagatón en León.
O nome Gattone ten orixe incerta. Piel e Kremer catalógano como un antropónimo de orixe incerta, talvez xermánica. Tampouco descartan nalgúns casos unha relación co lat. cattus 'gato'. Sinalan os topónimos galego e portugués Gatiande (A Co, Aveiro), que podería ter orixe nun  *Gattenandus (cf. HGN s.v. Gatt-) . Por outro lado, Nieto Ballester interprétao como orixinado no grego Agathone (cf. E. Nieto Ballester, "Ungatón (San Millán de Yécora, La Rioja), Hermesinda Gatónez: antroponimia griega en la onomástica española medieval").

GONZALVO (Frexulfe)
Nome de casa illada. Topónimo que remite a un antigo posesor chamado Gonzalvo ou Gonçalvo, nome de orixe xermánica.
É interesante reparar na preservación da forma antiga.
É relativamente frecuente na toponimia desta zona; así, atópase en Xove, O Valadouro, Foz, así como ao oeste en Ortigueira, Cedeira, Valdoviño, Moeche, Fene, Miño.

GRADAÍLLE (Santa Cruz do Valadouro)
Este topónimo concreto figura atestado no Tombo de Lourenzá na Idade Media, tal como sinala Miguel Costa:
  ".. Villa in Aurio, Uitragilde inter Sancta Cruce et Sancti Tome (...) alia uilla in Aurio, Villa Uitraylldi, integra ...".
Posteriormente está atestado no Catastro de Ensenada para Sta Cruz (175z) ao referir a situación dun muíño ("al sitio de Gradaille" ).

O nome remite, xa que logo, a unha *(uilla) *Withragildi, forma en xenitivo de *Withragildus nome da posesora  medieval da uilla (granxa, explotación agríola), nome de orixe xermánica.
En efecto, Miguel Costa (cf. blog Frornarea) identifica os topónimos Gradoi, Gradaílle, Gardamil, Godral, dentro dos derivados de nome de posesor coa raíz xermánica *wiþra 'contra, cara a, outra vez'. 

GRANDA (Budián, Moucide)
GRANDA, A (A Laxe, O Cadramón, Ferreira)
GRANDELAS, AS (Budián)
O termo "granda" ou "gándara" ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan.
Unha "grandela" é o antigo diminutivo de "granda" ou "gándara". 

GRANDISCA (Frexulfe)
Probablemente derivado de "granda" (gándara), Ver "GRANDA".

GRANXO (Moucide)
O dicionario rexistra a acepción de "granxo" como "finca cercada e adicada polo xeral a monte". Cf. DdD.

GRUÑIDE (Frexulfe)
Pertencente ás formas abundanciais en -ide, que se preservan en topónimos, con exemplos no concello de Xove como Cardide, Cornide, Mexilloíde.
Neste caso sería o mesmo que "gruñido",  "lugar onde abundan os gruñeiros". Un "gruñeiro" está rexistrado en Ourense como "lodeiro", lotus.

GÜÍN (Moucide)
De (uilla) Godini, forma en xenitivo de Godinus, nome do posesor medieval da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agríola). É un nome de orixe xermánica. 

GURGULLA, A (Frexulfe)
O termo "gurgullo" significa "terreo no que naz a auga", e "gurgulla" e o mesmo que "burbulla", derivado de "gorgullar", brotar a auga, ferver. 
Para Bascuas e outros autores, tería orixe paleoeuropea, no tema *gur-g-, que deriva da raíz indoeuropea *gwer- "tragar". Cf. E. Bascuas. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 
Por outro lado, tamén podemos pensar nunha relación con "gorxa", na acepción de "parte estreita de algo". Gorxa deriva do latín gurgam ‘abismo, depresión no terreo". Nesta interpretación, indica Luz Méndez que a palabra gorgueyra figura documentada no século XIII, co significado de ‘parte da vestidura relixiosa que rodea o pescozo; parte da armadura que protexe o pescozo'. Cf. L. Méndez. "Toponimia de Agolada".

IBIA (O Cadramón)
Este topónimo, é un hidrónimo de orixe prerromana. Foi estudado, entre outros, polo filólogo E. Bascuas, quen sen dubidar da súa orixe paleoeuropea, indica que podería derivar dunha das raíces indoeuropeas *ei- 'ir' ou, seguindo a Carlos Jordán Cólera, dunha raíz hidronímica *ib-/*ub-/*ab- 'auga'. Cf. p. 370 e ss. de E. Bascuas, 2014. "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega".
Similarmente  atribúe García Arias para o asturiano "Ibias" como hidrónimo de orixe prerromana, indicando 'río, corrente de auga', que xa está atestado con ese nome no século X (cf. X. L. García. "Toponimia asturiana. El porqué de los nombres de nuestros pueblos"). 

É interesante notar a existencia en aragonés e en gascón do apelativo "ibón"  'cavidade a modo de lago onde se acumula gran cantidade de auga' (cf. aquí M. Selfa, "Toponimia del Valle Medio del Ésera (Huesca). Estudio lingüístico y cartografía").
A relación entre "ibia" e "ibón" semella plausible: as terminacións "-ia" e  "-ón" son  típicas na hidronimia de orixe paleoeuropea (cf. E. Bascuas, 2002. "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

Semella encaixar a orografía coa acepción do aragonés ibón, no sentido de que se trata dunha zona non moi grande, que fai cunca, que podería encharcarse. De feito, o mesmo que ocorre cos "Ibia" de Barreios e co de Alfoz, aínda que neste caso non tan claramente, este Ibia semella estar situado nunha pequena chaira, onde talvez apozaría a auga.

Os termos "Ibia" e "Ibias" non son infrecuentes na toponimia galega, así na bisarra hai "Rego da Ibia" en Oiras, "A Ibia"  en Barreiros, "Ibia"  en Alfoz.

LAGAR, O (Frexulfe)
Topónimo transparente, lugar de pisado da uva para a produción de viño.
A produción de viño na zona debeu ser elevada, segundo os rexistros existentes. Na toponimia quedaron os reflexos dos "lagares", das "viñas", dos "bacelares", etc.
A mediados do século XIX os viñedos sufriron a praga do oidium, que apareceu en 1852, e que acabaría en moi pouco tempo coas viñas. Dous anos despois xa non se recolleu en toda a comarca nin un só barril de viño e comezaron a arrincar as viñas, das que xa soamente quedaría os topónimos.

LAMESTRA (Moucide)
O termo "lamestra" é derivado de "lama", de orixe prelatina. Nestes casos "lama"  ten o significado de "terreo de pastos para o gado". O sufixo -estra, correspondente co sufixo latino -astra, con significado pexorativo.
É un termo relativamente frecuente na toponimia galega, así, encontramos "A Lamestra" en Vieiro (Viveiro) e en Burela, e As Lamestras en Morás.

LAMIGUEIRA (O Cadramón)
Unha "lamigueira" designa un "lugar onde abunda a lama". 
Tén outra acepción, menos probable para un topónimo, de árbore "lamigueiro", tamén chamado "lodeiro", "lotus", ou tamén o populus alba, o álamo branco ou o álamo negro.

LAPA, A (Santa Cruz do Valadouro)
O termo "lapa" é de orixe incerta (Corominas postulou unha prerromana *lapp) e ten varias acepcións. Neste caso, posiblemente teña a acepción, que aínda se conserva en portugés,  de "burato que fan debaixo da terra certos animais para viviren ou refuxiárense nel". Cf. Priberam.

LEAS, AS (Santa Cruz do Valadouro)
Esta poboación  queda á beira dun rego.
Os topónimos Leas, relativamente frecuentes, acostuman ser interpretado como hidrónimo de orixe prerromana, da raíz indoeuropea *le-na- 'lene, mol, suave'. Tería un significado parecido a 'augas apacíbeis, en remanso'.
É de notar que Machado refírese a Lena como nome prerromano “talvez ligado ao pré-celta lena, ‘grande pedra chata’, ‘lousa” (cf. J. P. Machado, 2003. "Dicionário onomástico etimológico da língua portuguesa"); no entanto,  dada a situación dos distintos "Lea", seméllanos máis probábel a interpretación como hidrónimo.

Deste modo, os topónimos Leas estarían relacionado con outros  como  Ribeiras de Lea, co'As Leas en Cervo e Foz ou co asturiano Llena. Podería ter relación co topónimo LIEIRO, que dá nome a outra das freguesías deste concello.

É de notar que, dada a súa presenza en hidrónimos, cremos improbábel que teña relación co apelativo "lea" 'enfrontamento, rifa', ademais de que non encaixaría para un topónimo relativamente frecuente.

LEIRADO, O (Frexulfe)
Derivado de "leira", posiblemente nun sentido de "terreo dividido ou convertido en leiras". 
Os dicionarios non recollen acepción que encaixe na toponimia. O significado podería estar relacionado co que recolle Constantino García (1985) para "leirada": 'trozo de monte de boa calidade' (cf. DdD).

LIMPADOIRO, O (Vilacampa)
Un limpadoiro ou alimpadoiro é definido no dicionario como 'o sitio onde se efectúa a operación de limpar a gra, que é polo xeral, una eira, un arredor, etc., onde corre sempre o vento' (cf. DdD). 

LIÑAREGA, A (O Cadramón)
Topónimo que alude ao cultivo do liño, aludindo a un lugar onde se cultiva ou propicio para o seu cultivo.
O sufixo relacional -ega, de orixe prerromana, aparece na toponimia por veces ligado por veces ao cultivo dos cereais e doutras plantas, así atopamos tamén "Aviega" (avea), "Millarega" (millo miúdo), "Escanarega" (escanla), "Pallarega", Pumarega, Fabega.
O sufixo relacional -ega, de orixe prerromana, aparece na toponimia por veces ligado por veces ao cultivo dos cereais e doutras plantas, así atopamos tamén "Aviega" (avea), "Millarega" (millo miúdo), "Escanarega" (escanla), "Pallarega", ou "Pomarega".
Gonzalo Navaza indica  que o sufixo -ega é "característico da fitotoponimia luguesa" (cf. G. Navaza,  2006. "Fitotoponimia galega").

A artesanía do liño tivo relevancia en Galiza, especialmente nas zonas do litoral e nalgúns vales do interior. O maior apoxeo desta industria artesanal deuse de mediados do século XVIII ata primeiro terzo do XIX. Neste período tecíase liño do país pero tamén de fóra, que entraba polos portos de Ribadeo, Carril e Vigo. Unha vez confeccionado o lenzo, era exportado para Castela e para América.

LIÑARES (Santa Cruz do Valadouro, San Tomé de Recaré)
Fitotopónimo transparente, indicando a presenza de lugares plantados de liño.
Ver "LIÑAREGA" para máis detalles.

LOBEIRA (Budián)
O nome "lobeira" indica "sitio, gorida de lobos". Cf. RAG.

LODEIROS (Santa Cruz do Valadouro, Budián)
Posiblemente aluda neste caso a  "(terreos) lodeiros", coa acepcións de "Lameira, terreo con lama".
Nalgún caso, podería corresponder coa acepción alternativa de "Árbore tamén chamada "lamigueiro", "lotus". No entanto, é improbable en xeral, dada a cantidade de topónimos "Lodeiro(s)" existentes.
No caso de Budián, sendo unha zona de prados, parece máis seguro aínda.
Por outro lado, poderíamos pensar nun xentilicio, aludindo a terreos pertencentes aos "Lodeiros", familia apelidada Lodeiro. É improbable pola baixa frecuencia deste apelido neste concello e na zona en xera.

LÓNGARA (Frexulfe)
O termo "lóngara" significa "terreo de forma alongada", 

LOURIDO (Moucide)
Forma abundancial de "louro", antiga forma por "loureiro". Indica un ugar onde abundan os loureiros.

MACHUCO, O (Budián, Valadouro)
Neste contexto, a acepción do termo "machuco" corresponde co diminutivo de "macho", na acepción de "mazo", do latín marculum 'martelo pequeno'. Remite á existencia dun  mazo hidráulico, movido pola forza do río.  Tamén podería ser que remita a unha "Casa de machuco", nome aínda usado no século XVIII para se referir, por extensión, a unha ferraría.

MAGOI (San Tomé de Recaré)
Posiblemente derivado dun antropónimo, dun (uilla) Malaconii, forma en xenitivo de *Malaconius, nome prerromano. Esta é a interpretación de Nicandro Ares, para o caso do Magoi do concello de Lugo, e semella a máis probable tal como comentamos a continuacion.
Aínda que a orixe deste termo é incerta. Os topónimos con terminación en -oi poden remontarse a unha das seguintes tres orixes: dun elemento *-oi de orixe xermánica, da evolución dunha terminación latina en xenitivo -oni, ou a partir dun sufixo prelatino.
O topónimo "Magoi" xa foi estudado por Piel e Kremer, que postulaban como hipótese *Amalagodi, referido ao antropónimo xermánico *Amalagodus. Porén, parece moi improbábel a conservación do -g- intervocálico. Nicandro Ares refire ao topónimo "Magoi" en Lugo, para o cal se conserva documento de 1068 que o refire como Malaconi (cf. p. 843 e ss. de N. Ares "Estudos de toponimia galega". Vol II. 2011).
Tendo en conta todo o anterior, e sen atoparmos unha hipótese fiábel en antropónimo xermánico ou latino do que derivalo, semella probable a interpretación de N. Ares, para o caso do Magoi do concello de Lugo, derivándoo dun antropónimo de nome prerromano cunha forma en xenitivo de *Malaconius. Porén, tamén podería ser *Malaconus ou aínda *Malaco
Segundo Edelmiro Bascuas,  podería ter a orixe na raíz prerromana *mel- 'saír, elevación, curvatura, ribeira', de carácter hidronímico, presente en múltiples topónimos peninsulares como Malagón (Viveiro), Málaga, Mos (de Malones, en Castro de Rei), ou os numerosos ríos Malo e Mao (cf. p. 83 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006).

MANSIÁN (A Laxe)
Derivado de (uilla) Mansilani, forma en xenitivo de Mansila, nome do posesor medieval da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agríola). É un nome de orixe xermánica.
Este topónimo foi estudado por J. M. Piel, que o interpretou coa orixe indicada, indicando que, aínda sendo de orixe xermánica, estaría formado coa raíz *mans- derivaría do adxectivo latino mansus (cf. p. 39 de J. M. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo V). 

MARÍA AMADA (Frexulfe)
O nome deste lugar refereriría ao nome dunha antiga propietaria do predio.
O apelido "Amado" tería a súa orixe no concello de Cabana (A Co.), tal como se deduce da  Cartografía dos Apelidos de Galicia.
Como topónimo tamén atopamos en Frexulfe un predio chamado "María Arteira".
O feito de o apelido ser "Amada" e non "Amado" non é problema formal, senón quec onfirma a antigüidade do topónimo: lembremos que da Idade Media ata o Séc. XVIII houbo o costume de adaptar morfoloxicamente ao femenino os sobrenomes das mulleres (cf. A. Boullón, 2017. "La antroponimia en Galicia en el siglo XVIII", in Namenkundliche Informationen 109/110). 

MARÍA ARTEIRA (Frexulfe)
O nome deste lugar refereriría ao nome dunha antiga propietaria. 
Aínda que a forma "Arteira" non aparece como apelido actualmente (cf. Cartografía dos Apelidos de Galicia, s.v.), si que está atestado na onomástica medieval galega. Está atestado por exemplo "Pedro Arteiro", alcalde de Viveiro en 1371 (cf. E. Cal, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999).
Como microtopónimo tamén atopamos en Frexulfe un predio chamado "María Alba".
O feito de o apelido ser "Arteira" e non "Arteiro" non é problema formal, senón quec onfirma a antigüidade do topónimo: lembremos que da Idade Media ata o Séc. XVIII houbo o costume de adaptar morfoloxicamente ao femenino os sobrenomes das mulleres (cf. A. Boullón, 2017. "La antroponimia en Galicia en el siglo XVIII", in Namenkundliche Informationen 109/110). 
Indica Boullón Agrelo que o apelido derivaría dun alcume, a partir de "arte", no sentido medieval de 'fraude, engano'. Por outro lado, indica que tamén existiu o nome Artario, de orixe xermánica, pero neste caso e en moitos da onmástica medieval parece máis ben tratarse dun alcume (así atópase  1n 1388 "Petrus Suarit cognomento Artarius" no Tombo de Sobrado (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)"). 

MERCURÍN (San Xiao de Recaré)
Este topónimo foi estudado por J. M. Piel, que o deriva de (uilla) Mercurinii, lugar dun posesor chamado hipocorísticamente Mercurinus, de Mercuriusnome de orixe latina. Cf. J. M. Piel, 1984, "Novissimas achegas à história da tradição antro- toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico", Verba 11. Nota: cando o estudo de Piel, o nome oficial era "Marcurín".
Existe un topónimo relacionado, "Vilamarcol" en Magazos (Viveiro), de uilla Mercurii.

MODIA, A (Vilacampa)
O termo "modia" refírese moitas veces a mámoa ou túmulo primitivo. Outras veces parece referirse somente a un outeiro, a unha "mota", sen existencia de túmulo coñecida.

MOMPODRE (Budián)
Derivado dun sintagma "Monte Podre". Existen varios montes chamados Mompodre no Norte da Península, tal como os Picos de Mompodre en León. Existe tamén unha Fonte Podre en Taboada (Lu) outra en Oia (Po), e varias Lamapodre en Sarria, Paradela e no Saviñao (Lu), así como xa fóra de Galiza unha "Peña Podre" en Asturias. Alén destes, atópanse outros topónimos resultado de adxectivacións similares, como unha Podriqueira en Ribadeo e Pol, Podriqueiro en Castroverde e Mondoñedo, Podrizo en Coristanco, etc. Incluso un Rego dos Podres (Vimianzo).

A motivación para "podre" "en estado de descomposición" para un topónimo, en particular no caso dun monte é incerto. 
Seguindo a Pascual Riesco , podería remitir á existencia de turbeiras, nas que o material vexetal descomposto dá unha idea de podredume. Tamén pode en xeral aludir a calveiras na vesetación, tal como ocorre cos topónimos Tiñoso ou Sarnoso. Pascual Riesco indica, alén das anteriores, a posibilidade de se tratar de rochedos cheos de alvéolos e cavidades,  frecuente en determinados sustratos xeolóxicos calcáreos (cf. P. Riesco, 2018. "Toponimia de la provincia de Zamora. Panorámica documental, descriptiva y comparativa").

MONTE DA ESCULCA (Vilacampa)
O termo "esculca" significa "acexo", "espreita", acción de vixiar. Sería por tanto un monte usado de atalaia.
Neste monte atopamos o "Penido da esculca", que sería o lugar concreto do monte desde onde esculcaban.
Xa dicía Sarmiento: 
"Esculca, escucha y espía significan lo mismo"..."La voz Esculca es común a varios sitios de Galicia que están en alto y de donde se registra mucho país." Cf. DdD.

MONTE DAS LAIAS (Vilacampa)
Ver "COTO DAS LAIAS".

MONTE DE BARALLA (Budián)
O topónimo Baralla ten un significado e unha orixe controversa. En Galiza atopamos unha chea de "A Baralla", "As Barallas", así como  as formas diminutivas "Baralloá", "Baralló" e "Baralloca", o que demostra que era un apelativo de uso común antigamente.
Segundo M. Pidal, derivaría do latín varalia 'sebe de varas'. Esta etimoloxía  parece  encaixar sendo un topónimo frecuente.
No galego medieval, e aínda conservado, "baralla" tiña o significado de "rifa, disputa".  Algúns autores  interpretan que se referiría a lugares onde xurdiron litixios pola súa propiedade ou usufruto. Porén, parece haber excesivos topónimos "Baralla", e semella unha excesiva cantidade de "rifas". Amais diso, non encaixaría nalgúns deles, como os mencionados Baralloca e Barallobre. Tampouco encaixarían ben outros "O Baralló". O profesor Bascuas tamén interpreta así o caso de "Baralláns".

A interpretación de orixe prerromana tamén é plausible, tendo en conta a existencia de Barallobre e de Baralloca. Aínda que  Barralloca non fose citado por Bascuas dentro dos topónimos con orixe na  raíz indoeuropea *war- 'auga', podería ter esa orixe. Apoiando esta hipótese, reparamos no típico sufixo prerromano -okka > -oca, ou tamén "Barallobre", coa terminación -bre que se asocia ao celta -briga 'fortificación'. 

MONTE DE COUCE (Vilacampa)
O termo "couce" ten múltiples acepcións. Nestes casos de montes viría de calce  "calcañar", e designa por analoxía un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada". 

O topónimo couce aparece con frecuencia cun sentido topográfico de ‘fondal’, “base de monte” (cf. E. Rivas, "Lingua galega, historia e fenomenoloxía". 1989). 

MONTE DE LAPIDE (Budián)
Un "lapide" sería o mesmo que "lapedo", "lugar onde abundan as lapas". 
O significado e etimoloxía de "lapa" é incerto, posiblemente dunha raía prerromana *lapp. En portugués, "lapa" designa "cova", ou "laxe que, sobresaindo, forma debaixo de si un abrigo natural". Cf. Priberam.


MONTE DE XANGROSO (Vilacampa)
Topónimo transparente, que remite a un antigo posesor do monte en cuestión, chamado Xan Groso.

MONTE DO CATADOIRO (San Xiao de Recaré)
Ver "Catadoiro".

MONTE DO CEIBALLÓN (A Laxe)
Ver "Os Ceiballós".

MONTE GRANXO (Moucide)
Ver "O Granxo". 

MONTES COSTOIA (Frexulfe)
Probalemente do latín custodia, cun significado similar a "atalaia", "posto de observación" 
Hai varios topónimos con este nome en Galiza, así como "costoira", estes últimos cremos derivan de custodiaria. Cf. blog Pena da Cataverna para máis detalles.

MONTES DO MORGALLÓN (Moucide)
Os topónimos O Morgallón, coas variantes O Morgollón, O Morgullón, Murgullón, Os Morgallós, son relativamente frecuentes na toponimia galega, en particular na área mindoniense (Ortegal e A Mariña).
Aínda que se teñen postulado outras hipóteses, en base ao estudo das situacións de todos eles e do léxico galego, portugués e asture-leonés, pensamos que remiten á presenza das herbáceas Ranunculus bulbosus ou Ranunculus repens, tendo un significado similar aos topónimos O Bugallón. 
Ver para máis detalles o estudo (X. L. González, 2024. "O Morgallón e outros topónimos relacionados").

MORAOS, OS (Frexulfe)
Dada a terminación en -ao, debe derivar dun xentilicio, remitindo á orixe do posesor do lugar, que con toda probabilidade se tratase da freguesía de San Pedro de Mor, deste mesmo concello.
É unha construción típicas na toponimia, do mesmo modo que Vilarao alude a un antigo posesor orúndo do Vilar, ou Mariñaos alude a oriúndos da Mariña.

Unha publicación  da Xunta atribúelle a "Morao", na Mariña, unha orixe en "Morado", porén isto é improbable, xa que a tendencia -ado > -ao ocorre soamente desde hai poucas décadas, por influxo do castelán, e é improbable que, por exemplo, un núcleo de poboación como O Morao (Mañón) sufrise xa unha deturpación relativamente antiga do nome. Tampouco se pode negar categoricamente. Para o caso do Morao (Mañón), o dicionario de Madoz (séc. XIX) non axuda, pois non o rexistra (tampouco como **Morado).

MOUCIDE (Moucide)
Para este topónimo non atopamos unha interpretación plausible, talvez teña orixe prerromana. 
Figura xa nun documento de 1124 como sanctus Stephanus de Moucide (cf. E. Cal. "Colección Diplomática Medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo"), aínda que o P. Florez o transcribeu como "Moucido" (cf. P. Florez, 1789. "Espana Sagrada. Tomo 1").
A existencia dun "Moucido" en Piñeiro (Mugardos) pode remitir a un sufixo abundancial -ido, indicando nese caso a abundancia dun "mouzo", "mouco", ou similar, termo non identificado, talvez relacionado con  "O Moucillón" (Riotorto), así como "Os Moucillois" (As Nogais), "Moucillós" (Sarria).
Esta evolución de Moucido > Moucide,  é relativamente frecuente na zona,  a mesma que se dá en topónimos como "Mexilloíde".
Pola terminación en -ide, e referindo a unha poboación, alternativamente pode tratarse dun nome de posesor, dunha uilla altomedieval. Porén, sería preciso atopar unha hipótese para o nome orixinario.

MUÍÑO DE GOMERSO (A Laxe)
Muíño dun antigo propietario chamado "Gomerso", derivado de "Gumersindo".

MUXILÁN (Moucide)
Podería provir de *(uilla) Mugillani, forma en xenitivo de Mugilla, nome do posesor medieval da uilla (altomedieval (granxa, casal, explotación agríola). É un nome de orixe xermánica.
Porén, non é máis que unha hipótese, ao non dispormos de documentación antiga que o demostre.
Por outro lado, Carlos Búa interprétao como antropónimo posiblemente céltico, dun composto cun primeiro termo derivado de *mago 'grande' ou *mago 'campo' e un segundo termo derivado de plano 'chan' (cf. C. Búa. "O Thesauro Palaeocallaecus", in Verba Anexo 58).

MUXUEIRA, A (O CadramónSan Tomé de Recaré)
Significado e orixe incertas. Existe tamén un "Moxueira" en Riotorto, que tería igual orixe, sexa cal for.
Unha posibilidade remota sería unha orixe en "manxoeira". Esta manxoeira podería indicar unha "(terra) mansionaria", terras que lles eran concedidas aos campesiños para a súa explotación. En troques desta concesión, os campesiños debían pagar rendas ao señor, xeralmente en especies, e coa prestación de traballos. A acepción xeral de manxoeira 'comedeiro' tamén hai que contemplala.
Nótese que a evolución tería sido manxoeira > maxoeira (desnasalización) e de maxoeira >muxueira por influxo do "m" (como en semana>somana).
Alternativamente, podería interpretarse como  de orixe en hidrónimo, no tema paleoeuropeo *mu-s- 'húmido, turbo', o mesmo que para o "río Muxa" (cf. D. Kremer "Onomástica Galega II". 2008).

NABAL (Moucide)
NABAL VELLO (Moucide)
Un "nabal" designaba orixinariamente un lugar apropiado para cultivar nabos, aínda que pasou despois a ter un significado máis xeral de "terra moi frutífera” (cf. Taboada Cid).
Tamén Estraviz recolle a acepción para nabal de "a mellor terra" (cf. I. Alonso Estraviz, 2002. "Léxico não registado nos Dicionários Galegos" in Agália n.69 e 70).

NARASEIRO, O (Moucide)
Probablemente derivado da forma prerromana antigo-europea*nar-,  derivada da raíz indoeuropea *ner- ‘penetrar, mergullar’ (IEW 766), frecuente na hidronimia. De feito, neste caso trátase dunha zona de prados.

É interesante analizalo como composto nara+seiro, pois encaixa coa interpretación de Bascuas dada para "Fonteseira" e "Monteseiro" (<Monte Seiro), relacionadas coa raíz hidronímica paleoeuropea *ser-  'fluír', o mesmo que o viciño río Sor (cf. p. 530 de E. Bascuas "La hidronimia de Galicia. Tres estratos .." in "Estudios Mindonienses", núm. 24).
Tamén é chamado "Naraseixo", aínda que semella máis probable que "Naraseiro" sexa a forma orixinaria, por semellar composto coa forma indicada *seiro.

A raíz indicada *nar figura en moitos outros topónimos galegos, como Naraído (Trabada), "Os Naraís" en Mañón, ou os coñecidos Narón, Naraío (afluente do Xubia e lugar de San Sadurniño), Neira (< Naria). Tamén en León atopamos Camponaraya, que referencia ao río Naraya.

NARASEIXO (Moucide)
Este topónim dálle nome a unha zona de prados que é tamén chamada "O Naraseiro". Ver "NARASEIRO".

NAVALLO (Santa Cruz do Valadouro)
NAVALLO, O (San Tomé de Recaré)
Topónimo frecuente en Galiza, así na Mariña e no Ortegal, así o Nomenclator rexistra tamén "O Navallo" en Ortigueira, Mañón, O Valadouro e Barreiros e Os Navallos no Vicedo e Viveiro.
Este apelativo aínda fica vivo en portugués, na zona de Trás-os-Montes, onde "navalho" é un 
"mesmo que navalhão; pedaço de terreno húmido entre as searas que se não cultiva para que dê erva" (cf. Terrasquentes  www.terrasquentes.pt)
Formacións da mesma orixe atopamos no portugués navalhão, o salmantino navazo 'valle pantanoso' e mais no aragonés navajo "balsa para el ganado". Da mesma raíz, ademais da indicada Nava, temos Navia (co cognado portugués Neiva) e Navaza. En resumo, Os Navallos deben remitir a lugar no que, pola súa orografía, quedaban encharcados con facilidade.

A etimoloxía é controversa, tal como comentamos de seguido.
Tradicionalmente interprétase como derivado da voz prerromana "nava" 'val, chaeira rodeada de montes', 'lugar pantanoso', xunto co sufixo diminutivo do lat. -culos, sufixo presente noutras formas de orixe prerromana, como "Os Covallos", que deriva de "cova".

Por outro lado, outros autores sinalan a inexistencia na toponimia da forma "Nava", así como que para algúns dos topónimos Navallos, están atestadas formas antigas Lavallos, que apuntarían á orixe nun étimo con L-. Así, por exemplo:
[...] se vadit ad cimam de Teyxoneyras et per portum de Laualo et  [...] (cf. CODOLGA).
Por tanto, podería tratarse dun derivado da raíz hidronímica indoeuropea *lou- 'lavar', da cal provén igualmente a nosa voz lavar, do latín lavare 'lavar'.
En soporte desta interpretación, está atestada esta vacilación N-/L- na toponimia, así Novexilde < Lovegildi < Leovegildi, Lebozán < Nebozan < Nepotiani (cf. CODOLGA), igual ca no sentido oposto, e.g. Landoi < Nandoi (cf. CODOLGA). Esta vacilación explícase por  disimilación de consoantes laterais (-l-,-ll-) ou nasais (-n-,-m-).
É de notar que, independentemente da etimoloxía, o que segue sendo bastante clara é a motivación, de  remitiren a lugares que, pola súa orografía, quedaban encharcados con facilidade.

NOVÁS, OS (San Tomé
 de Recaré)
De "os (agros) novás", plural de "noval", finca nova.
O termo "anovar" significa "volver un monte ou bouza en labradío, convertir un lugar inculto en terra cultivable". Cf. aquí.

ONZA, A (Budián)
O termo "onza" é un termo prerromano, especificamente, céltico, dunha raíz *en-/*on- 'auga, charco' (cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").
Correspondería co mesmo topónimo de "Illa de Onza" (arquipélago das illas Ons"), orixinado no termo *Aunitiam.
Xa E. Bascuas menciona explicitamente o topónimo "O Pozo da Onza", no seu estudo do topónimo "Mondoñedo", asignándolle o significado indicado de "charco" (cf. E. Bascuas, 2001. "Mondoñedo y Valoría", in "Estudios Mindonienses". Num. 17: 432 e ss).

ORXÁS (A Laxe)
Plural de "Orxal", lugar onde abunda o "orxo" ("cebada"), do latín hordeum.

PAGAOS (Budián)
Probablemente remita a unha familia ou persoa oriúnda do lugar de Santo Estevo da Pagá, en San Miguel de Reinante.
Non é descartábel que aludise ao significado recollido no dicionario: "castaños novos que aínda non foron enxertados". aínda que descoñecemos se ten uso nesta zona.

PAIZÁS (Santa Cruz do Valadouro)
PAINZÁS, OS (Frexulfe)
O de Frexulfe está atestado como "sitio de Painzás" no Catastro de Ensenada para Frexulfe (1753) ao referir os muíños da freguesía.

Os termos "paizás" e painzás", plurais de "painzal", remiten a un lugar onde se planta paínzo (millo-miúdo), ou que produce bon paínzo.

PANDA (O Cadramón)
O topónimo remite a un terreo combado ("pandado").

PARDIÑA (O Cadramón)
O topónimo "pardiña" deriva do latín parietina,  "casa en ruínas, paredes", e despois pasou a ter un significado de "devesa ou terreo acoutado". Difícil establecer cal das dúas foi a motivación cando foi chamado deste modo.

PARDELLAS, AS (S. Cruz do Valadouro, S. Tomé de Recaré)
Pardellas vén da voz latina *paretĭcŭlas, diminutivo do latín vulgar *parete 'parede'. Similarmente ao caso de "Pardiña", aludiría ás paredes dun edificio en ruínas.

PASADA (Vilacampa)
O apelativo "pasada" indica un "lugar de paso do río, xeralmente a través de pedras colocadas como "pasos" formando unha liña". 

PASOS DAS FORXAS, OS (A Laxe)
Posiblemente "pasos" designen as pedras dispostas no río a modo de "pasos" para cruzar. As forxas estarían situadas ao pé do río.

PAZO, O (A Laxe, San Xiao de Recaré, Frexulfe)
PAZOS (Santa Cruz do Valadouro)
O termo "pazo" deríva do latín palatium, e xa na Alta Idade Media a forma paaço tomou esta acepción actual de "casa señorial", edificación de residencia de familia nobre. E de notar que as referencias medievais a un pazo non deben entenderse como un pazo na actualidade, senón que remitirían simplemente á casa do señor, de boa feitura, probablemente de cantería, de dous andares e cuberta de tella ou lousa, en contraste coas demais casas, que serían de planta baixa e cubertas de palla.

No caso do lugar do Pazo (A Laxe), queda preto da igrexa, e tamén preto das Penas da Laxe, que pola proximidade á igrexa é plausíbel supor que foron a orixe do topónimo A Laxe, que dá nome á freguesía. É interesante a rendibilidade do estudo do contexto toponímico: a proximidade destes tres elementos confirma a interpretación da antiga existencia do Pazo e mais a das Penas da Laxe dar nome á freguesía.

J. J. Moralejo puxo en cuestión a etimoloxía latina, e refiriu estes topónimos a un prelatino indoeuropeo *palatio, que designaría unha especie de curro, lugar pechado onde os pastores recollían temporalmente o gado, harmonizando co sentido etimolóxico de "pastoriza" (cf. J. Moralejo, "Callaica Nomina", 2007)

PÉ DE AROSA, O (Moucide)
Gonzalo Navaza (2006) interpreta este topónimo como posible evolución dunha "Petra Hederosa(cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
Iguamente Martinez Lema (2010) interpreta "Arosa" a partir do latín hederosa, abundancial de hedera 'hedra'.  Cf. aquí aquí. Tería evoluído de hederosa > eerosa > arosa. Así, Lema (quen recolle tamén este "Pé de Arosa") cita o antropónimo "Froyla de Heerosa", que aparece nun documento sen data do Tombo de Toxos Outos, para o cal identifica "Heerosa" co actual "A Arosa", unha aldea da freguesía de S. Cristovo de Mallón, no concello de Santa Comba (cf. P. Martinez, 2012.  "Toponimia, etimoloxía e fontes documentais: os exemplos de Arosa e Brens").

Alternativamente, tal como tamén recoñece Navaza, o topónimo  "Arosa" podería ter orixe prerromana. Derivaría probablemente, o mesmo que no caso dos "Rego de Aro", da raíz hidronímica prerromana *er, presente en moitos ríos europeos. Ver a entrada específica de blog A Pena da Cataverna para máis detalles.

PEDRALBA (San Tomé de Recaré)
De "Pedra Alba". Hai moitos topónimos con este nome en Galiza. O significado directo é  "pedra branca".

PEDROUZOS (Santa Cruz do Valadouro, San Tomé de Recaré)
O topónimo "pedrouzo", frecuente en Galiza, indica unha "morea de pedras", e tamén un "penasco elevado" ou "cima penascosa". Cf. DdD
A este termo, derivado de "pedra", o sufixo -ouzo, de orixe prerromana (a través do latín vulgar -uc(c)eus, formado sobre -uccus/-iccus) dálle un certo matiz despectivo, o mesmo que ocorre no homólogo portugués pedrouço. Cf. Priberam.

PENA CEREIXA (Mosende)
Este topónimo debe aludir, máis que á froita indicado, que non encaixaría moito para unha pena, ao apelido ou alcume "Cereixo" dun antigo propietario do lugar. De feito, o alcume Cereixo xa figura rexistrado como Cerasio na Idade Media, ".. Arias Fernandiz, cognomento Cerasio.." (cf. R. Soto, 2018. "Alcumes e sobrenomes medievais en Galicia").

PENA DANA (O Cadramón)
Posiblemente derivado do hidrónimo prerromano *an(n)a- "lodo,  charco, pantano, auga" . Elixio Rivas ("A auga na natureza") esténdese sobre a partícula indoeuropea *ana, ‘auga’, presente en "Guadiana" e noutros río. Cita unha Anna Velha en Olhao (Portugal). 
Ver blog Rego do Aro para máis detalle sobre topónimos relacionados, como "Anido", "Aneiro", "Anellada", "Pena Dana".
Alternativamente, podería estar referido a "Pedra de Ana", o nome dunha antiga posesora.

PENA PORRÍN (O Cadramón)
É frecuente na toponimia galega as penas denominadas Porrín, Porreira e similares. Así, o Nomenclator rexistra polo menos seis "Pena Porreira" en Galiza (nas Pontes, en Paderne, na Merca, en Palas de Rei, en Crecente, e en Lousame), dúas Pena Purreira, e tamén dúas "Pena Porrín" (esta no Valadouro e outra na Estrada), ben como unha Pena Purriños en Monterroso.
Sendo unha pena, podemos interpretalo nun sentido metafórico, indicando unha pena redondeada. Este sentido xa está atestado na Idade Media, aplicado como alcume 
"Gonçaluo Rodrigues, Cabeça de Porro", 1451.

Para Navaza, que menciona este topónimo concreto, podería vir de "Pinna Porrini", forma en xenitivo de Porrinus, que indicaría o posesor do lugar. Navaza interpreta en xeral os termos "Porreira", "Porriño", "Porreta", etc, como abundanciais de porro, lugar onde nacen ou propicio para os porros, entendendo porro nun sentido máis xenérico de allos, cebolas, porros, etc  (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

Por outra banda, García Arias interpreta os topónimos asturianos "El Porréu" e "Porrúa" como en relación á pedra, e  observa que
 "a algunas peñas de cabeza redondeada las llaman porru o porra, en la toponimia, especialmente hacia el oriente". García Arias, no entanto, non o explica metaforicamente pola forma da pena senón como formas derivadas do céltico *purram ‘hinchazón’ (cf. X. L. García "Toponimia Asturiana")

PENA QUE FALA, A (Frexulfe)
Derivado de "falar", nun sentido extenso, do ruído do vento na pena, dun xeito similar a  "A Serra da Faladora" en Mañón e ao "monte Bufadoiro" no Vicedo.

É interesante a caracterización case animista desta pena que o topónimo lle parece dar. Di o historiador Ramon Piñeiro Almuíña: “a capacidade dunha pedra para amplificar, reflectir ou emitir un son fai que a súa presenza inerte adquira unha aura de animismo e se nos manifeste como un ser que pode responder, bruar, asuniar, roncar, tintinar e mesmo estremecerse. As propiedades acústicas de determinas pedras eríxeas como fitos no territorio. En palabras do teórico da escoita da paisaxe Murray Schafer, constitúen unha marca sonora “aqueles sons que adquirem un valor simbólico e afectivo” para unha determinada comunidade”. 

PENAS DO BOIVAL (O Cadramón)
O termo "boibal" podería derivar da raíz pre-latina *boi-, "rocha, pedra". Isto parece encaixar ben neste topónimo.
Alternativamente, rexístrase "bovia" como apelativo e topónimo, en Asturias e León. Así, G. Álvarez rexistra o apelativo "bobia"  ‘paso natural entre montes’, presente na toponimia de Asturias e de León (Guzmán Álvarez, "El habla de Babia y Ladana". Revista de Filología Española. Anejo XLIX. 1949). Garvens alega referencias documentais medievais ("illa bouia de Calabro", "illa bouia de Rouredo", e menciona unha base prerromana *bob ‘oco’, que sobreviviría no antigo francés bove ‘caverna’  (cf. F. Garvens, 1964. "Die vorrömische Toponymie Nordspaniens", tese doutoral na Westfälischen Wilhelms-Universität).
Canto ao significado,  segundo esta acepción astur-leonesa, Concepción Suárez menciona o topónimo asturiano "La Boya" (Parana), ‘pastos altos de verano ya en el límite con Aller’. O significado sería ben o de  ‘pastos, prados’ ou ben o de ‘paso entre montes, cole’. As dúas etimoloxías propostas son, por un lado a de Garvens, que parte dun elemento prerromano *bob  ‘oco’, e que explicaría o significado de ‘pasaxe, porto’ (cf. F. Garvens, "Die vorrömische Toponymie Nordspaniens". 1961). Por outro lado, García Arias e Concepción Suárez relaciónano co latín bove- ‘boi’.  Cf. aquí.
Existe tamén outro "Boival" en Boimente (Viveiro).

PENIDO DA ESCULCA (Vilacampa)
Ver "Monte da Esculca".

PENIDO DAS LANCHAS (Vilacampa)
O termo "lancha" ten a acepción de "laxe grande", pedra chá e extensa (cf. DdD), que sería a correspondente a este topónimo.
Atopamos outro "As Lanchas" en Muras.

PENIDOS DO XERRAPIO (A Laxe)
O termo "penido" é sinónimo de pena, penasco. 
En canto ao termo "xerrapio", é unha deturpación de "serrapio", ver "O Chao do Serrapio".

PEREIRASIDRAL (Frexulfe)
O nome desta casa aillada correspondería a un composto de "Pereira Sidral", indicando talvez unha clase de pereira da que se fai sidra co froito. Isto parece confirmalo a existencia do topónimo análogo, "Peral Sidral", rexistrado en León no "Tumbo Viejo de San Pedro de los Montes". Cf. aquí
Alternativamente, tampouco podemos descartar que "sidral" podería vir de "cidral" 'lugar onde abundan as cidreiras', co que "Pereira Cidral" tamén podería indicar un lugar onde abundan as cidreiras, e "pereira" podería vir de "pedreira", como acontece noutros topónimos "Pedreira". 

PESQUEIRA, A (A Laxe, O Valadouro)
Denomínase "pesqueira" (do latín piscaria) ao lugar onde se capturan salmóns e outros peixes, polo xeral perto dos muíños ou aceas. 
En concreto, unha "pesqueira natural"  designa unha pedra, illote ou calquer outro accidente natural onde colocar os aparellos de pesca. No caso dunha "pesqueira artificial" designaría unha presa de pedra situada en diagonal no curso do río, desde onde se pesca o co que se desvía a auga para poder pescar. Nas aberturas que deixan estas presas colocaban nasas, daí os topónimos "Naseiro" existentes en Galiza.
As pesqueiras  xa aparecen documentadas na Idade Media a partir do século IX (cf. aquí).
Por extensión, chámanse "Pesqueira" tamén ás pequenas cascadas (cf. aquí).

Alternativamente, aínda que improbable, pódese interpretar "pesqueira" como derivado do latín pascuaria ´lugar de pastizais', derivado de pascuum 'pastizal'.

Probablemente "A Pesqueira" da Laxe sexa a que figura atestada nun documento en castelán de 1486: 
".. alque dizen de Castillon et Agoarrio con sus heredades brauas / et mansas como se departe por el puerto de la Pesquera para la fonte do Caruallo da Crus et por el /camino que ba por el monte arriba et para el puerto de las Huertas .." (cf. E. Cal. "Colección Diplomática Medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo").

PEZAS DA GRELA (San Xiao de Recaré)
O termo "peza" sería "parte dun terreo que lle é asignada a unha persoa. Nunha agra ten todo o sentido, como se verá.
En canto ao termo "da grela", é unha frecuente descomposición falsa de "de agrela", sendo "agrela" unha 'pequena agra', do latín agrella.
O sistema tradicional de parcelamento en agras consistía na división de parcelas agrupadas en bloques ou conxuntos, tendo cada un destes bloques ou "agra"  un peche exterior comunal. Nas agras, as parcelas eran alongadas e delimitadas por marcos.

Xeralmente, as agras pechábanse despois da sementeira e abríanse cando a colleita. Deste modo,  protexíase da entrada do gado e dos consecuentes danos nos cultivos. O peche era por unha cancela. As parcelas tiñan servidume de paso, que permitía sementar por orde.  O peche das agras podía ser temporal mediante acumulación de terróns ou por sebes de ramas entrelazadas de toxo e xestas, ou permanente con muros de pedra (cf. S. Calvo, G. Méndez e R. A. Díaz, 2011.  “Los paisajes culturales de agras en Galicia y su dinámica evolutiva” in "Ager"). 

PEZAS DO VEDREIRO (Budián)
O termo "peza" sería "parte dun terreo que lle é asignada a unha persoa. En canto a "vedreiro", designaría un lugar onde abundan os "bedros", ou "bredos", do latín blitu(m), a planta Amaranthus blitum.

PICO DE BEN (O Cadramón)
Topónimo que remite ao apelido Ben dun antigo posesor do lugar.

PICHEIRA (Vilacampa)
Coidamos que o significado é o de "cachón", "pequena fervenza". Así, existen en Galiza as fervenzas chamadas "A picheira da Seara" e "Picheira do Fócaro" en Quiroga, "A Picheira de Vieiros" en Ferramulín (Courel). 
Aínda que os dicionarios de galego non rexistran esta acepción, si rexistran "pincheira" e "ficheira" con esta acepción.
O nome "picheira" en portugués é o mesmo que "pichel", xarra para sacar o liquido das cubas de viño.
É preciso confirmar localmente a existencia de tal fervenza.

PÍOS, OS (A Laxe)
O termo "pío" ten múltiplas acepcións, mormente a de maseira de pedra ou de madeira. Polo xeral na toponimia alude a un recipiente de pedra, que puido ter un uso para acumular a auga da chuvia ou a que brota dunha fonte, ou ter uso para morteiro dalgún tipo. 
Por outro lado, tamén poida que aludise concretamente á existencia de píos para a industria artesanal da pel, xa que os píos eran os recipientes nos que se alagaban as peles con casca de piñeiro (pío de casca) ou con cal (pío de cal) co obxectivo de eliminar delas os restos orgánicos e proceder ao seu curtido
(cf. L. Carrasco e G. Navaza, 2014. "Toponimia do Val de Fragoso").  De feito atopamos na toponimia "Pía de Encascar" (por exemplo en Burela), que remiten a "Morteiro de pedra onde se esmaga a casca do pinheiro ou salgueiro que ha de encascar as redes de pesca" (cf. dicionário Estraviz). 

PLANTÍO, O (Santa Cruz do Valadouro)
PLANTÍO VELLO, O (Frexulfe)
Este topónimo, rexistrado na maior parte dos concellos,  refire en xeral a un abundancial de plantas. Probablemente moitos dos topónimos "Plantío" remitan a "Plantíos Reais", que tiñan o obxectivo de prover  madeira aos estaleiros da Armada. Probablemente fanreferencia ás Ordenanzas Reais (e.g. a de 1748 de Fernando IV), que impuxeron a reserva en cada concello dun espazo para plantío de árbores. Indica Carlos Breixo a constancia da existencia dos Plantíos Reais en Galiza a partir do reinado de Filipe II. As árbores que se plantaban nesta zona eran dous tipos de carballos, freixos, e nogueiras.  Cada veciño da freguesía na que había un Plantío Real tiña a obriga de plantar un número determinado de árbores e coidalas durante uns vinte e cinco anos (cf. C. Breixo, "A vila das Pontes no catastro do Marqués de Ensenada" in Hume n. 8). Os Plantíos Reais desapareceron como tales no século XIX, ao ser vendidos por non se usaren xa para os buques da Armada.
Igual interpretación, de referencia a ordenanzas reais, fai Pascual Riesco (cf. P. Riesco. "Paisaje y territorio en la toponimia menor de un pueblo sayagués: Escuadro").
Neste sentido, é interesante a acepción de ‘terreo de castiñeiros’, que recolle Marqués Valea na zona de Trabada (cf. X. Marqués, 2004. "A toponimia de Trabada"). 
Por outro lado, Navaza dálle unha acepción xeral, de "lugar onde se plantaron vexetais recentemente" (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

PONTE DO PORTO DA VACA (Budián)
En canto a "Ponte do Porto", o significado é transparente, referido á existencia dunha ponte nun "porto" de río". Ou sexa, antes da existencia da ponte xa se usaba o lugar como vao, por onde cruzar o río.
En efecto, os dicionarios de galego rexistran as tres acepcións de porto, tanto a de "porto de mar" como a de "vao no río, sitio por onde se pode atravesar" e a de garganta por onde se atravesa un monte.

PORMAIO, O (Santa Cruz do Valadouro)
Derivado de "Pero Maio", remitindo a un antigo posesor do lugar. A existencia dun "Casmaio" (de "Casa de Maio") en Cervo confirma a existencia do sobrenome Maio e, por tanto, reforza esta hipótese.
O Nomenclator de Galicia rexistra tamén outro "Pormaio" nas Grañas do Sor.
É unha síncope frecuente, así en Ourol temos Poramigo dun Pero Amigo e Porcao de Pero Cao, ou un Pordomínguez (cf. X. L. González, 2022. "O nome " Pero" na (micro) toponimia").

PORTELA, A (A Laxe)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada para A Laxe (1753) ao referir a existencia dun muíño e mais dun batán.

O topónimo corresponde co diminutivo de "porta", co antigo sufixo -ela.
En canto á súa significación toponímica, os dicionarios de galego rexistran varias acepcións, relativas a paso estreito por onde se atravesa un monte ou dunha depresiónDi E. Rivas: 
"depresión en una loma, por la que se pasa a la otra parte, que originó infinadad de orónimos en la geografía del NO" (cf. aquí).
Eladio Rodríguez e outros tamén recollen a acepción de 
"portillo que hay en una finca cerrada, por sitio que puede pasar un carro".
Neste caso encaixaría mellor a acepción de Portela en canto a depresión do terreo, pola cal pasa o río.

PORTO CEGO (Budián)

Tamén se acha como Rego de Portocego. Hai outro Portocego en Vilalba, así como en Lobios (Ou) hai unha Corga de Porto Cego.

O topónimo podería remitir a un porto que quedou obstruído dalgún xeito. Eladio Rodríguez recolle para "cego" a acepción de "cualquier conducto que se ha obstruido con tierra o broza", que debe ser a.González (Eladio Rodríguez, 1958-1961. "Diccionario enciclopédico gallego-castellano").

POZA DA ONZA (Budián)
Ver "A Onza".

PRADIA (Budián)
Gonzalo Navaza inclúe este topónimo, tamén existente en Ortigueira, na súa obra de fitotoponimia, e indica, con reparos, que identificaría a árbore chamada tamén "pradio", probablemente a mesma que "pradieiro" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

PREGUIZA, A (Frexulfe)
PRIGUIZA (Frexulfe)
O topónimo "Preguiza" e relacionados teñen certa frecuencia na toponimia galega. Na Mariña o Nomenclator rexístrao en Viveiro, Cervo, Xove, Foz e Valadouro. A relativa frecuencia, non sae corresponde coa rareza coa que se debería dar se "preguiza" remitise ao sentido común desta voz.
Parece que na realidade a significación do topónimo é ben diferente. Cabeza Quiles indica para o caso d"O Preguecido" da Estrada, que o profesor G. Navaza relaciona este topónimo estradense coa árbore chamada "pigarceira", tipo de pereira que dá peras "pigarzas". Sería, pois, O Preguecido un abundancial en -ido (< -ētu) desta árbore froiteira (c.f F. Cabeza, "Toponimia da Estrada").

O Padre Sarmiento xa falaba dela:
   “Pigarza. Pera que comí muy gustosa, entre la bergamota y don guindo. Selecta”

Outros fitotopónimos galegos que tamén serían referidos a antigos grupos ou concentracións de pigarceiras son O Preguizal (Calvos de Randín), O Prigazal (A Gudiña).

Considerando todo o anterior, podemos pensar que moitos dos topónimos "Preguiza" evolucionasen desde "Pirguiza" por mera atracción pseudo-etimolóxica do termo común "preguiza". 
En resumo, queda pois unha alternativa fundamentada pola que todos ou parte dos topónimos "A Preguiza" aluden a unha "pereira preguiza".

PUÑÍN (San Tomé de Recaré, O Valadouro)
Posiblemente *(uilla) Pugnini, forma en xenitivo de Pugninus ou Puninushipocorístico de Pugnius ou Punius. nome do posesor medieval da uilla (altomedieval (granxa, casal, explotación agríola).

QUINTAS, AS (Santa Cruz do Valadouro)
Sendo plural e nun terreo onde non consta que tivese habido edificacións, non parece que veña de "quinta" no sentido de "casa de campo con herdade arredor", senón que podería ter derivado dunha partilla de finca efectuada a quintas, ou ben dun pagamento de foro consistente nas quintas partes do producido pola finca.
Sería un caso análogo ao de "As Tercias", que é tamén bastante frecuente na toponimia galega.
Rexístranse tamén en moitos outros sitios en Galiza, como e.g. en Mañón e en Burela.

RAMASQUIDE (Frexulfe)
Significado e orixe incertas. O sufixo -ide neste caso é un abundancial, como proba a existencia noutras zonas os topónimos "Ramasquido" e "Ramasquedo".
En Ramasquide consérvase un antigo dolmen, na marxe esquerda do río Fraga das Lerias, a carón do rego da Pumarega, máis abaixo da fervenza. 

RAÑADOIRA, A (Santa Cruz do Valadouro)
O mesmo que rañadoiro, 'monte baixo con carqueixas, moi pelado polo gado'. Cf. RAG.
Derivado de "raña", lugar pelado e pedregoso.

RAÑAL, O (Ferreira)
O dicionario define "rañal" como lugar poboado de "raños" ("sorbeiras").
Alternativamente, de lugar de "raña" (terreo alto e de monte pobre).

RAÑEIRAS (Ferreira)
RAÑEIRAS, AS (A Laxe)
O termo "rañeira" indica "Terreo pobre, con coio e xabre" "lugar poboado de rañas ou sorbeiras".Relativo a "raña". Ver "RAÑOAS".

RAÑOAS (Budián)
O termo "rañoas" é a forma en diminutivo e plural de "raña". Unha "raña" costuma ser un lugar pelado e pedregoso. No dicionario figuran dúas acepcións de "raña" que encaixan como topónimo:
1.     "Terreo alto e de monte pobre".
2.     "Rápido desnivel no leito dun río de fondo pedregoso".

Segundo o DGPE: Raña, nome duns 20 lugares en Galicia e outros tantos ou máis en Ciudad Real, Toledo, Badajoz etc, cuxo sentido topónimico parece ser, en opinión de Menéndez Pidal, "sitio raído ou arrastrado por acción erosiva das augas o por un desprendimento de pedras".
Algúns suxeren para o topónimo unha raiz preindoeuropea *ra-, *ro- que daría lugar a unha familia de palabras relacionadas con "rañar", "arrasar", etc. Cf. E. Rivas "Toponimia de Marín".
Ver aquí e aquí para unha discusión máis ampla.

RAPADOIRO, O (Budián)
As formas deverbais co sufixo -oiro (< latín -oriu) dan nome a lugares nos que se realiza a acción asociada ao verbo do que derivan, tal como lavadoiro, parladoiro...Termo derivado a partir de rapar, co sufixo -oira (do latín -oria), unha rapadoira, alén de ser o ‘lugar onde se rapa’ (probabelmente eguas), tense vinculado co monte baixo poboado de xesta, carrasca ou toxo aproveitado para estrar as cortes (cf Navaza, 2011). Pode ser unha acción figurada, como talvez for o caso da Rapadoira (Foz), probabelmente remitindo ao vento "cortante".

RASELA (O Cadramón)
O topónimo "rasela" é a forma en diminutivo antiga de "rasa". Como topónimo alude a unha (terra) rasela, na acepción de "pequena chaeira".
En efecto, aínda que o adxectivo "raso" tamén ten a acepción de "sen cultivar, de vexetación baixa", xeralmente na toponimia é usado na acepción de "lugar de orografía chá".
X. Ll. García Arias fai a mesma interpretación na toponimia asturiana (cf. X.L. García, 1984. "Pueblos asturianos: el porqué de sus nombres").

REBOREDO (Budián)
O mesmo significado de “carballedo” ou “carballeira”, soamente que neste caso a orixe é no latín robur 'carballo', co sufixo abundancial –edo (do latín -etum), en canto “carballedo” vén de voz prerromana, xunto co mesmo sufixo abundancial romance.

O REBUXENTO (Ferreira)
Este topónimo debe vir de "Rabuxento", nome xocoso con que puido ser alcumado un antigo habitante do lugar como enrabexado, de trato áspero.  Eladio Rodríguez no seu dicionario definiu "rabuxo" como "Desabrido, acrimonioso, áspero no xenio e no trato."

Por outro lado, o filólogo A Palacio relacionou o topónimo "Rebuxentos" con  "Rebuxán", o cal interpreta como 'terreno que se desecha' y sería semánticamente semejante a  'residuo de terreno que deja fuera el muro que lo cierra'. Na nosa opinión, sería extender excesivamente o campo semántico de rebuxo , e aínda admitíndoo así, semella encaixar mal para o nome dunha poboación.

Na contorna, o Nomenclator rexistra "Os Rebuxentos" en Piñeiro (Xermade) e mais "O Rebuxento" en Silán (Muras)

RECANTO, O (Frexulfe)
O termo "recanto" designa un corruncho, esquina, lugar apartado.

RECARÉ (San Xiao de Recaré, San Tomé de Recaré)
De (uilla) Re(c)caredi, forma en xenitivo de Re(c)caredus, nome do posesor medieval da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agríola). É un nome de orixe xermánica.

RECUNCO (O Cadramón)
O termo "recunco" alude á "revolta dun río". Cf. RAG.

REGA (O Cadramón)
REGA DA VEIGA (Moucide)
Unha "rega" é definida como "angostura formada pola unión das faldas de dúas montañas, que costuma ser cauce dun rego (cf. DdD) . Sería, por tanto, un "pequeno vale polo que discorre un rego."
É xeralmente admitida para "rega" unha orixe prerromana, dunha formación paleoeuropea *re-ko, ou *rai-ko 'río', derivada da raíz indoeuropea *er- 'moverse'. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego", ver E. Bascuas aquí.

REGO DA FURADA DA ARCA (Vilacampa)
Polo xeral, os topónimos "arca" aluden a restos de dolmen (tales como os esteos e a furada), por veces referindo somente un marco divisorio. Neste caso, ao cualificar unha "furada", confirma que alude a unha furada de mámoa.

REGO DAS FORQUETAS (O Cadramón)
Posiblemente este topónimo alude á "bifurcación" do rego, que é unha acepción do termo "forqueta". A súa aplicación na toponimia, deste e doutros derivados de "forca", é relativamente frecuente, referindo xeralmente a unha bifurcación de río ou regato, e tamén de camiños.
Cando alude á bifurcación dun camiño, ou de montañas, ten o sentido de "desfiladeiro". A acepción de "forca" como "desfiladeiro", aínda que no galego actual non se rexistre, en portugués si que se conserva.
O Nomenclator de Galiza rexistra tamén "Rioforcado" en Cedeira e "A Forqueta" en Riobarba (O Vicedo).
É de notar que, dada a súa frecuencia en Galiza, podemos descartar  que estes topónimos aludan directamente a un aparello "forcada" ou "forqueta", pois sería un topónimo anecdótico e non se darían con tal frecuencia.

REGO DE PORTOCEGO (Budián)
Ver PORTO CEGO.

REGO DO ARO (Frexulfe)
Posiblemente o significado de "Aro" estea relacionado coa raíz hidronímica prerromana *ar-, presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" da comarca.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

REGO DO PELOUZAO (Frexulfe)
En "Pelouzao" temos unha evolución dun composto "Pai Louzao", remitindo a unha persoa chamada Paio Louzao. O apócope Pai e Pei son comúns na toponimia cando seguidos polo apelido.
O apelido Louzao, en efecto, ten unha das súas orixes no concello de Xove (cf. CAG).

REGO DO HOME (Moucide)
Posiblemente non teña que ver con nada relativo ao apelativo "home", senón co tema hidronímico prerromano *um- , coa mesma que o río "Eume". Bascuas interpreta varios "Home"deste modo, cunha orixe no tema paleoeuropeo *um-, derivado da raíz indoeuropea *wegw- 'húmedo' (cf. p. 229 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 

REGO DOS ALLÓS (O Cadramón)
REGO DOS ILLÓS (Vilacampa)
Posiblemente "allós" teña igual orixe a "illós". O termo "illó" derivaría do latín vulgar *oculiolu, e designa un sitio pequeno onde brota auga e é pantanoso (cf. DdD).

REGUENGO, O (Budián)
Herdade ou terra pertenecente ao rei, á coroa ou que está suxeita ao pago dun foro ou canon por lle ter pertencido. Cf. DdD.
O nome provén do latín tardío regalengum 'real, pertencente ao rei, patrimonio do rei'. Como arcaísmo, significa “terra que por conquista ou confiscación era incorporada ao patrimonio real” ou tamén “foros, dereitos que, recaendo en certas terras, pertencían á Coroa” (cf. "Grande Dicionário da Língua Portuguesa", 452).

REIRADO, O (Ferreira)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada para Sta Cruz (1753) ao referir a situación dun batán ("al sitio de Reirado" ).
Derivado do composto riuum Iratum (río Iratum), con evolución compositiva análoga á doutros topónimos tais como Remourelle.
O termo Iratum procedería da raíz hidronímica paleoeuropea *er- "moverse", na forma *ir- (cf. E. Bascuas, p. 142 de "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

REQUEIXO, O (Vilacampa)
Este lugar está atestado no Catastro de Ensenada para Vilacampa (1753) como "sitio da Requeixo" ao referir os muíños da freguesía.
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un val" (cf. DdD), ou tamén lugar apartado, nun recanto. Rivas Quintas especifica que é a zona 'parte inferior do monte, ao pé do vale' (cf. E. Rivas, 2007. "Natureza, Toponimia e fala").
Estes topónimos, frecuentes na toponimia galega e moitos xa atestados na Idade Media, aluden polo xeral a recunchos ou recantos no terreo, por veces xerados por ángulos do río e outras veces remitindo a pregas e entalladuras montañosas.
No galego das Médulas (León) aínda se conserva viva esta voz, co significado de  ‘Terreo resgardado; quebra do terreo; vagoada pendente e resgardada’ (cf. F. Bello, "Lexico, literatura y tradición oral en el entorno de las Médulas").

Segundo E. Bascuas (cf. VERBA, 2000), viría da forma prerromana *rek-, presente en palabras como "rego" (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo".

RETORNO, O (Budián)
Os topónimos "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

REVOLTA, A (O CadramónSanta Cruz do Valadouro)
O termo "revolta" refire a unha curva de río. Cf. DdD. Tamén ten esta acepción en portugués. Cf. Priberam

REXEDOIRA, A (A Laxe)
Significado e orixe incerta. 
Talvez garde relación coa acción de "rexer" ("gobernar"), e por tanto indicativo de lugar de goberno ou de persoa que goberna. 
Igualmente poderíamos pensar nunha deturpación de "roxedoira", relativo ao ruído do lugar, pola auga que discorre ou polo vento ao soprar. Lembremos que a voz "ruxidoira" é sinónimo de fervenza.
O Nomenclator rexistra case 60 topónimos Rexedoira/o, Rexedora, Rexidoira/o ou Rexidoura, fronte a uns 50 Ruxida, Ruxidoira/o, Roxedoira/o ou Roxideira/o. Vendo estas cifras, semella improbable que a deturpación Roxedoir@ > Rexedoir@ fose maioritaria, polo que Rexedoira e Rexedoiro(s) semellan ter surxido como tales, e por tanto non teren en xeral relación con "ruxir".

RIBADELA, A (A Laxe)
Diminutivo de "ribada", co antigo sufixo -ela. Unha "ribada", "arribada" ou "ribazo" designa un pequeno terraplén entre dúas fincas. Cf. DdD. 

RILLEIRA (Moucide)
O dicionario define "rilleira" como "pisada que deixa a roda do carro", e tamén"respaldo do escano". Cf. DdD.
Posiblemente deba interpretarse como lugar de paso con certa humidade de modo que se chantaba o carro. No entanto, dada a frecuencia da presenza deste topónimo preto de regatos, tampouco se pode descartar unha orixe noutro termo de orixe prerromana, relacionado coa raíz indoeuropea *er- presente na hidronimia europea e estudado por Bascuas (cf. E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega").

RÍO OURO (O Cadramón)
O río "Ouro", que tamén deu nome a "Valadouro", está documentado na Idade Media como Aurio
A orixe deste topónimo, estudado por Bascuas e outros autores, sería prerromana  e estaría na  raíz hidronímica indoeuropea *awer- "fluír" (cf. p. 124 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). 
Para máis detalles, véxase X. L. González, 2024. "Mil topónimos opacos de castros e corgas, Parte I".

ROZAS (Vilacampa)
De "(monte das) rozas", monte que se cava para cultivalo con trigo ou centeo". 

RUBIAL, A (Moucide)
Caracterización de "tirando a rubia" (roiba, vermella) da terra. Probabelmente aludindo a terras barrentas.
Hai quen o interpreta como aludindo á cor da flor da queiroga: as queirogas teñen unha floración abundantísima, visible desde lonxe; os montes tornábanse vermellos ("rubos", "rubais") cando florecía a queiroga en setembro.
Alternativamente, Joseph M. Piel relaciona "rubiña" co verbo "rubir" (subir), derivándoos do latín rupes 'rocha'.
Existe outro núcleo de poboación cognado deste, "Rubal" en Viveiro, así como o análogo "A Verdeal".

SA (San Xiao de Recaré)
O topónimo "Sa", moi abundante en Galiza e no Norte de Portugal e amplamente documentado, tamén coa grafía "Saa", en xeral deriva do xermánico *sala. Así, para J. M. Piel, "sala" tería un significado similar a "casa de campo, casarío, quinta", unha explotación agraria, que incluía a residencia señorial.
Segundo D. Kremer, tería "un significado primario de "casa de liñaxe nobre ou antiga", significado próximo ao latín uilla ou palatium, aos que substituíu” (cf. pp. 133-148 de D. Kremer, "El elemento germánico y su influencia en la historia lingüística peninsular", en "Historia de la lengua española". 2004. Barcelona).
Por outro lado, Roberts e Pastor derívano dunha base preindoeuropea *sel- 'estancia humana', raíz da que derivan termos como o búlgaro antigo selo ‘aldea’, selitva ‘vivenda’, e que orixinaría nas linguas xermánicas *sal- 'habitación, cuarto' (cf. Roberts, E. A. e Bárbara Pastor "Diccionario etimológico indoeuropeo de la lengua española". 1996. Madrid).

SABUCEDO (San Tomé
 de RecaréSanta Cruz do Valadouro)
Lugar onde abundan os sabugos ou vieiteiros.

SABUGUEIRA (Santa Cruz do Valadouro)
O termo "sabugueira", aínda que non recollida polos dicionarios galegos, probablemente responda a un abundancial de "sabugueiro", e por tanto sinónimo de "sabucedo". 
Esta é tamén a interpretación dada por Navaza (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

SAÍÑAS, AS (Vilacampa)
O dicionario define saíña como lugar onde abunda o sal ou se cría o sal. Cf. DdD.
Unha "saíña",  do latín salina, debe aludir polo xeral a terreos con alto contido en sal, indicando posibelmente una baixa fertilidade do terreo. Pode tratarse de mineralizacións fortes producidas polo fluxo lento desde o acuífero ata a superficie do terreo.
O Nomenclator rexistra tamén outras Saíñas en Xove, en Cervo, en Barreiros, un Saiñal en Mogor (Mañón), etc.

SANGUÑIDO (Budián)
O mesmo que "sanguiñedo", lugar onde abundan os sanguiños (planta).

SARA, A (Budián)
O topónimo "Sara" é xeralmente interpretado como hidrónimo derivado da raíz indoeuropea *ser- 'fluír', moi frecuente na hidronimia europea, tal como os casos Sor, Sar, Serantes, etc. (cf. e.g. F. Villar aquí).
É interesante o topónimo estreitamente relacionado "Sarapia", en Trabada, ao pé do río Eo, que inclúe a forma -apia, tamén presente en hidrónimos paleoeuropeos, e derivada da raíz indoeuropea *ap- 'auga, río'.
Por outro lado, é posíbel que se trate dun antigo "Sala", nome de orixe xermánica, remitindo a unha residencia señorial, que sería a do dono da explotación agro-pecuaria. En efecto, a vacilación entr -l- e -r- é fenómeno común no galego.

SENRA (A Laxe)
O termo "senra" designa unha  "porción de terra cultivada, herdade, terreo de cultivo". 
Tanto Senra como Seara teñen unha orixe prerromana común, na forma *sénara. Corominas asígnalle unha orixe celta, talvez de sen-ara 'cultivo separado' ou similar (cf. Corominas, DCECH, s.v. serna). E. Bascuas interprétaa tamén como celta, aínda que distinta etimoloxía, a partir de seno co suf. -ara

Ambas as dúas formas,"Seara" e "Senra", son topónimos frecuentes en Galiza. É interesante reparar que na parroquia de Insua (Ortigueira) conviven os dous topónimos, "A Senra" e "A Seara", o cal pode indicar que foron usados con acepcións distintas desde antigo. 
Tanto "Seara" como "Senra" son topónimos frecuentes en Galiza.

SILVOSA DE ABAIXO, A (Vilacampa)
SILVOSA DE ARRIBA, A (Vilacampa) 
O termo "silvosa" remite a unha terra silvosa, con abundancia de silvas. Se for un topónimo antigo, o cal é probable, puido ser aplicado co significado orixinario de "silva", no sentido de fraga; neste caso aludiría a unhas terras boscosas.

SIXTO (San Tomé de Recaré)
Os topónimos Sisto, Sistelo, Sistelín e similares derivan con moita probilidade do latín sistere ‘colocar, establecer’, e terían un significado de "corte para o gando", en relación a lugares de pasto. 

Podemos descartar a interpretación tradicional como referencia a un antropónimo, tal como o latino Sextus ou Sixtus: dada a gran frecuencia dos topónimos  "Sisto", "Sistelos",  "Sistelo", "Sistelín" é totalmente improbable que se dese tal frecuencia de lugares con nome de tal posesor para un nome "Sistus" tan pouco atestado.

Por outra banda, García Arias interpreta os asturianos "Sesto" e "Sestelo" como que "parece" posible a orixe en sextellus, relativo ao reparto de terras a sextos (cf. aquí). Desta opinión foi tamén Isidoro Millán , que indica que estes repartos ocorrerían na época sueva (cf. I. Millán, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987). Porén, a evolución de sextu para "sisto", coa palatalización do "e" en "i", sería unha anomalía na evolución do galego, que nos leva a rexeitar esta hipótese.

Como curiosidade, indicar que, de ser certa a interpretación de "corte para o gado", tería un significado análogo ao asignado para o topónimos "Busto", "Bustelo".

SOLLOSo, O (Frexulfe)
Este topónimo remite a un terreo solloso ("solarado"), lugar abrigado onde dá o sol, posiblemente situado no lado sur dunha montaña ou dunha encosta.
Aínda que máis improbable, tampouco se pode descartar unha orixe alternativa en relación a un elemento da hidronimia prerromana *sal- ou *sol- . De feito, existe o "río Solloso", afluente do Sor.
Existe outro "Solloso" en Chavín, outro no Vicedo e outro nas Pontes.

SOUTO BARGÁN (Budián)
O termo "Bargán" pode ter varias interpretacións. Cremos que neste caso derivaría do apelativo de orixe prerromana "barga", na acepción de "a parte máis peada dunha costa" (cf. aquí), do mesmo modo que existe, por contraposición "Souto Chao".
É importante notar que esta acepción de "barga", é a coincidente co significado en asturiano de barga 'costa'.

TANÍN (A Laxe)
O nome deste núcleo de poboación, segundo Joseph Piel, viría dunha (uilla) Tannini, dun posesor chamado *Tanninus (cf. J. M. Piel, 1948. “Nomes de possesores latino-cristãos na toponimia asturo-galego-portuguesa”, separata de Biblos, 23).

Por outro lado, segundo E. Bascuas podería derivar do céltico *tanno- 'carballo, aciñeira', cuxa casca se usaba para tinxir. De *tanno derivaría o galego "tanoira" 'curtidoría de peles' (cf. p. 92 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006).

TARANCo, O (Frexulfe)
O termo "taranco" é de orixe prerromana, posiblemente relacionado co termo galego "tara" ("releve rochoso"). 
O prestixioso E. Bascuas analizou os topónimos Taranco, Tarancón, que inclúe entre os de base paleoeuropea (pre-céltica) *tara-, e derivados da raíz indoeuropea *ter- "fregar, perfurar", co sufixo prerromano -anko (cf. p. 280 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006).
Existe tamén este topónimo "O Taranco" no Viveiró e en Silán.

TEIXEDA (Frexulfe)
Este topónimo alude a un lugar no que abundan as árbores chamadas "teixos (do latín taxu).

TEIXOEIRA, A (Moucide)
Este apelativo tén dúas acepcións. A primeira, talvez máis probable, é a de lugar onde abundan ou crían os "porco teixos", "teixugos". Alternativamente, é tamén un sinónimo de teixido ou teixeda, lugar onde abundan as árbores chamadas teixos ('taxus baccata') (cf. DdD).

TELLEIRA (Budián)
Lugar onde fabricaban tellas, aproveitando as terras barrentas do lugar.

TIMÓN (O Cadramón)
Orixe incerta.
Posiblemente de orixe paleoeuropea (precéltica), cun significado similar a "lama, lodo". Neste sentido, E. Bascuas relaciona varios "Timón" coa base paleoeuropea  *tim-, derivada da raíz indoeuropea *ta- 'derreterse, fluír', de carácter hidronímico, presente en múltiples topónimos.
Porén, tamén admite unha posible relación co apelativo común "temón", aínda que teña un encaixe incerto como topónimo (cf. p. 103 de E. Bascuas, 2006. "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia"). 

TORNAS, AS (A Laxe)
Os topónimos  "Torna", "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'. Estando este topónimo nunha zona de prados, parece confirmar este significado. 
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

TORRE, A (Santa Cruz do ValadouroSan Xiao de RecaréFerreira)
O termo "torre" nestes topónimos non se refire estritamente a torres, senón a casas fidalgas ou de casas grandes, de labradores ricos.
Menéndez de Luarca (2000: 233-234) considera que case todos os 456 topónimos de "torres" poden ser atribuídos ao final da Idade Media (séculos XIV-XV), pois, aínda que algúns sexan de orixe máis antiga, serán reaproveitados con gran frequencia no final da Idade Media.

TORRULLÓN (San Xiao de Recaré)
Debe  derivar dun diminutivo de "torre". Podería referir á existencia dunha antiga torre de vixiancia, ou ben a restos de castro. Porén, é preciso coñecer a orografía para comprobar se se axeitaría a tales significados.
Alternativamente, podería ter unha orixe prerromana, de algo similar a *tur(r)ulioneEn efeito, non somente a raíz prerromana *tur- é frecuente na toponimia peninsular, senón tamén o elemento -il-. Ademais, o sufixo -ón corresponde en moitos casos coa fixación de voces prerromanas (cf. aquí:  F. Villar, "Estudios de celtibérico y de toponimia prerromana"). Hai topónimos análogos noutros lugares da Península, como varios "Torrija(s)", que ninguén deriva do famoso postre.

TRASISTO (Budián)
Forma composta de "Tras Sisto", aludindo á situación do lugar detrás de Sisto. Ver "SIXTO".

TRASMIL (San Xiao de Recaré)
De (uilla) Trasmiri, forma en xenitivo de Trasmirus, que remite ao posesor da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agrícola). 
O antropónimo Trasmirus ten orixe xermánica, formado cos elementos  *thras‘disputar’ e mereis ‘célebre, famoso’.

TROBO, O (Vilacampa)
O dicionario define "trobo" como "colmea, tronco oco de árbore".  Cf. DdD
Xeralmente refírese á colmea feita de cortiza ou do tronco de árbore.
Con todo, os dicionarios recollen tamén acepcións relacionadas máis xerais, como ‘oquedade’ ou ‘concavidade’, o cal tamén podería encaixar neste topónimo.
A súa etimoloxía é prerromana, dunha forma *trobanu. Así Bascuas relacionouno coa raíz indoeuropea *treb- ‘construción de madeira’, vivenda’, da mesma raíz que no latín trabs ‘trabe’, o irlandés medieval treb ‘casa’ e antigo galés treb ‘vivenda’.
É un topónimo con certa presenza na provincia de Lugo, en Barreiros, na Fonsagrada, Ourol, Vilalba, Abadín. Atopamos tamén Os Trobos en Cospeito, así como El Trobo nos concellos Eonaviegos de Castropol e a Veiga.

VALADOURO, O 
(Santa Cruz do Valadouro)
Valadouro, é un termo composto de "Vale do Ouro", do río Ouro. Ver "Río Ouro" para máis detalles.

VALIÑA BOA (Santa Cruz do Valadouro)
O mesmo que "valiño bo", sendo "valiña" diminutivo de "val". Antigamente o termo "val" era feminino.

VAO (Santa Cruz do Valadouro)
Un "vao" é un paso, xeralmente de río, e en particular en sitios de pouca profundidade nos ríos, polo que se pode pasar dun lado ao otro ("vadear").

VEDRAL (Budián)
VEDREIRO, O (Budián)
Ambos topónimos remiten a un lugar no que abundan os "bedros", ou "bredos", do latín blitu(m), a planta Amaranthus blitum.
O profesor Navaza fai igualmente esta interpretación destes topónimos, aínda que indica a posibilidade dalgún deles de provir alternativamente dun abundancial de bidro 'bedueiro' ou aínda de vidra 'vástago de vide, videira' (cf. G.G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").

VEDROS (Santa Cruz do ValadouroO Cadramón)
O termo "vedro" é usado para referir un "monte de rozas, que se cava para cultivalo con trigo ou centeo". 
Alternativamente, de "(agros) vedros", do latín  vetulu ("vello"). Incluso habería a posibilidade remota de derivar do latín blitu(m), a planta Amaranthus blitum, chamada "bredo" ou "bedro". Nótese que, neste segundo caso, vedro tería unha pronuncia con "e pechado".

VEIGA BO (Budián)
Podería vir de "veiga (de) Boo", remitindo ao posesor da veiga. É unha interpretación plausíbel, tendo en conta que este apelido ten certa frecuencia no veciño concello de Barreiros.
Xa máis improbable sería que se trate de "Veiga Avó", talvez remitindo á dozaón feita polo avó.

VEIGA DE BADE (O Cadramón)
A orixe do nome "Bade" foi xa analizada polo ilustre Piel. Podería provir de Badde, xenitivo de Baddo, nome dun antigo posesor da veiga. Para Baddo, derívao como forma cariñosa de Baldo, formado a partir do elemento gótico bald- 'audaz'.
Cf. J. M. Piel, 1975 "Biblos 51", e  p. 223 e ss. de J. M. Piel, "Os nomes germânicos na toponímina portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo II. 

VEIGA MOL (Vilacampa)
Probablemente remita ás características da veiga en cuestión, cualificándoa de mol 'branda', aludindo ás características do terreo, o que encaixa ao ser unha veiga -- terreo á beira dun río.
Aínda que practicamente improbable, podería provir de Mauri, xenitivo de Maurus, nome dun antigo posesor.
Hai outro "Veiga Mol" no Monte (Xove), que reforza a primeira interpretación indicada.

VERDEAL (Moucide)
VERDEAL, A (San Tomé de Recaré)
VERDELLA, A (Budián)
Tal como indica Gonzalo Navaza, este topónimo debeu remitir á flora do lugar (cf. G. Navaza, 2006. "Fitotoponimia galega").
Podemos interpretalo como aludindo ao vizosa e produtiva que era a terra.

VIDREIRA (Moucide)
Posiblemente grafía alternativa por "bedreira", do latín blitum, referido á planta Amaranthus blitum, chamada "bredo" ou "bedro". En efecto,  Navaza menciona o caso de "O Vidreiro" no Valadouro, recollido por Madoz como "Bedreiro" (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).
Nótese que, neste caso, vedro tería unha pronuncia con "e pechado", co que o paso a "i" sería case indiferenciable nunha sílaba átona. 
Hai tamén "Vidral" noutros concellos, que podería ter igual orixe.

VILACEMIL (Budián)
De *(uilla) Scemiri, forma en xenitivo de Scemirus, nome do posesor  medieval da uilla altomedieval (granxa, casal, explotación agríola). É un nome de orixe xermánica (cf. M. Costa aquí).

VILAR, O (Santa Cruz do Valadouro)
VILARES (Moucide)
VILARES (Frexulfe)
VILARES DE ARRIBA (Frexulfe)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na estremeira dunha uilla, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (cf. p. 221 de C. Baliñas. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)"). É moi probábel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter máis ben agronímico, máis que de núcleos habitados.

Porén, na actualidade, os dicionarios refiren a un "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de Leandro Carré, que pasou logo para dicionarios posteriores, foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito".
Cf. DdD.

VILARAO, O (Santa Cruz do Valadouro)
Este topónimo remite á orixe do posesor deste núcleo de poboación. Sería oriúndo dun lugar chamado (O) Vilar,  probablemente o núcleo de poboación dese nome, que se encontra situado a medio quilómetro do Vilarao.

VILASUSO (San Xiao de Recaré)
Do latín uilla sursum, "vila de riba", "vila no alto" (cf. p. 107 de A. Moralejo Laso, "Toponimia gallega y leonesa". 1977)

VILLAGAL (Moucide)
Grafía alternativa por "vellegal", por confusión co castelán "villa". Un "bellegal" ou "vellegal" significa algo similar a "fraga", no sentido de terreo pedregoso e abrupto.  Cf. DdD.

VIQUETA, A (A Laxe)
Posiblemente sexa un termo relacionado con "bico", palabra de orixe celta, co sufixo -eta.

XELFA (Moucide)
XELFAS (O Cadramón)
Etimoloxía incerta.  Probablemente corresponda co apelativo gelfa que se conserva no portugués, co significado de "pasto" (cf. Priberam).
Topónimos iguais ou relacionados rexístrase en outros lugares de Galicia como Xerfa, Xalfas, Xarfas, e en Portugal os cognados Gelfa e Gelfas (cf. aquí).

XESTEIRA DE CARTAS (O Cadramón)
O termo "xesteira" é o mesmo que "xestal", "lugar onde abundan as xestas".
En canto a "Cartas",  topónimo frecuente en Galiza, posiblemente referencia a ""cada unha das catro partes iguais en que se divide un monte, como no caso do "monte dos Cuartos" en Mosende, e "monte dos Cartos" en Cerdido.
Outra alternativa é a de referencia á "carta" de posesión, pois o significado  do termo prestábase ao seu uso toponímico, do mesmo modo que outros vocábulos referentes aos distintos tipos de administración da propiedade das terras, tais como "Foro", que callaron como nomes de lugar, maiormente na microtoponimia.

Reforzando a hipótese das partillas: 
  • "As Tercias" existe en Cabanas, nas Negradas, nas Nogais, etc, "Os Tercios" en San Sadurniño, Cedeira, San Sadurniño e Mugardos
  • "As de Quintas" nas Nogais, en San Sadurniño ."Os Quintos" en Cariño e Cerdido, 
  • En parroquias de Cedeira existe tamén "Os tercios", "As Sétimas" e  "As oitavas". 
De feito, esta tamén é unha das explicacións asignadas ao topónimo "As Cuartas",  en Monterrei.
Cf. aquí.

Outra alternativa sería relacionado coa cuarta parte dunha propiedade foral, ou de terreos sometidos ao pago dunha renda equivalente á cuarta parte dos froitos. Porén, esta parece improbábel sendo unha "xesteira", improbábel que fose un terreo sometido ao pago de tal renda.

XILMARRÁN (San Xiao de Recaré)
Topónimo orixinado nun nome de posesor duna uilla (casal, granxa, explotación agrícola) altomedieval. Aínda que sexa probable a orixe no nome do posesor dunha uilla, é complicado establecer un nome específico. 
Unha posibilidade é a da orixe nunha (uilla) Wilmarani, forma en xenitivo de Wílmaranome de orixe xermánica, que remitiría ao antigo posesor da uilla. Esta hipótese, aínda que poida resultar estraña a evolución, está en coherencia con varias series de topónimos (cf. X. L. González, 2021. "O topónimo Ximarás e o seu elenco").
Outra alternativa, aínda que improbable, sería que proveña do nome dun posesor SilimarusGilimarus, na forma Silimarani ou Gilimarani (correspondendo ao xenitivo xermánico deturpado).

ZARAGOZA (A Laxe, Santa Cruz do Valadouro)
O nome desta poboación, no límite entre A Laxe e Santa Cruz, debe remitir á cidade española dese nome. Trátase, xa que logo, dun topónimo "importado", relativamente frecuente.

Non sería un feito estraño esta referencia a unha cidade peninsular, en particular na época da chamada "Reconquista", igual que ocorre con outros múltiplos topónimos galegos como Alpuxarras (O Vicedo), Malagón (Viveiro), Leganitos (Muras), Peníscola (Ortigueira), Segovia no Corgo ou O Toledo en Castrelo de Miño. 

ZOUPELÍN (Santa Cruz do Valadouro)
Debe remitir ao alcume dun antigo posesor. O termo "zoupelín" derivaría de "zoupelo", "zoupo" ("torpe, zambo"), tratando de reducir a carga pexorativa co diminutivo -ín.